Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A experiencia demostra que as cámaras de videovixiancia non cumpren cos seus obxectivos de seguridade

Written By Virgulino on 6/4/08 | 10:10

A experiencia demostra que as cámaras de videovixiancia na rúa non cumpren cos seus obxectivos. Os comerciantes de Málaga solicitaron hai unhas semanas ao goberno local que habilitase un espazo específico para a realización de graffitis, xa que a instalación nas rúas de dispositivos de control se revelaron inútiles para evitar as pintadas nas paredes dos establecementos. Do mesmo xeito, hai uns meses, na Coruña, unha comunidade de veciños cedeu aos medios de comunicación as imaxes que unha cámara do seu edificio tomara da rúa de xeito irregular e nas que se vía a un par de rapaces facendo unha pintada. Non obstante, a gravación tampouco serviu para identificar aos dous mozos.

Esta circunstancia demostra que as cámaras de videovixilancia non cumpren na maioría dos casos as función de seguridade para as que supostamente foron instaladas, xa que nin teñen “poder de disuasión” nin evitan os actos vandálicos ou os estragos no patrimonio. En troques, como vén sinalando o Movemento polos Dereitos Civís dende hai anos, o que se produce en gran parte destas situacións é unha indefensión xurídica das persoas que resultan gravadas por estes dispositivos, un método que invade directamente o dereito a intimidade e a vida privada das persoas (dereitos fundamentais recollidos no artigo 18 da Constitución española).

Sen licenza para gravar

O problema agrávase cando se da a circunstancia de que as cámaras non cumpren cos requisitos establecidos pola lexislación vixente. Nesta situación atópanse un gran número de obxectivos nos concellos de Galiza, que, a pesar de contar con alternativas e medios menos intrusivos nas vidas das persoas, apostas por rodearse do halo de modernidade da tecnoloxía e deciden proceder a instalación das cámaras. De feito, segundo informaba o goberno de Madrid o pasado mes de decembro, no noso país só hai dous municipios que teñan solicitadas autorizacións: A Coruña e Compostela. Aínda así, e relativamente frecuente erguer a cabeza polas vilas galegas e atoparse un deses obxectivos apuntado a rúa. Outra acción da que tamén se ten noticia a cotío refírese ao emprego fraudulento das cámaras de tráfico para tarefas de videovixiancia, destinadas a control e regulamento da circulación rodada.

Por estas razóns, o MpDC demanda que se limite ao mínimo o seu uso nos espazos públicos e só se acuda á instalación das cámaras cando non existan alternativas eficaces e menos intrusivas, sempre respectando a lexislación e os dereitos e liberdades dos cidadáns.

1 comentarios:

Movemento polos Dereitos Civís dijo...

O MpDC regalará unha camiseta entre todos os comentarios realizados cada semana que teñan un contido real sobre os asuntos que se tratan na web. Para facer chegar o regalo é necesario deixar o mail.

MpDC

Publicar un comentario