A institución dirixida por Enrique Múgica respalda a petición do MpDC e lembra que estes dispositivos non se poden instalar sen autorización previa
O Defensor del Pueblo remitiu un escrito ao Concello de Ares no que insta á institución local a retirar as cámaras de videovixiancia que ten instaladas no exterior do edificio municipal. A asociación para a defensa dos dereitos civís na Galiza trasladara unha queixa a Enrique Múgica logo de ter coñecemento da existencia destes dispositivos, para os que o Concello carecía de autorización previa necesaria e do informe favorábel da Comisión de garantías. Esta mesma mañá, o Defensor notificou a súa resolución ao Movemento polos Dereitos Civís e inquiriu ao goberno desta vila para que se axuste nas súas actuacións ao disposto na lexislación vixente, lembrándolle que en ningún caso pode procederse a colocación das cámaras sen dispor dos permisos da Delegación, nin sequera cando a autorización está sendo tramitado e os dispositivos desconectados, escusa esta que alegou o Concello para xustificarse ante o Valedor do Pobo, o MpDC e o mesmo Defensor.
Así, o Defensor insta ao Concello a que “cando considere necesaria a instalación de videocámaras non proceda a iniciar dita instalación ata que non obteña a preceptiva autorización da Delegación do Goberno”. Deste xeito, a institución recoñece que a entidade local incumpriu a Lei de Videovixiancia vulnerando os dereitos fundamentais dos seus administrados, polo que agora deberá seguir os cauces legais correspondentes.
O movemento polos Dereitos Civís trasladara un escrito á institución dirixida por Enrique Múgica logo de ter coñecemento das intencións do Concello e debido a que este carecía da autorización pertinente para colocar os dispositivos. O goberno local xa tivo que remitir un informe ao Valedor do Pobo pola mesma cuestión, no que aseguraba que ten solicitados os permisos á Delegación, pero que a falta dun trámite formal ralentizou o proceso. Así mesmo, indica que os dispositivos non gravan son e que se solicitaba autorización polo periodo máximo dun ano, prorrogable. Non obstante, as afirmacións do Concello de Ares contrastan coa resposta do Goberno ao Senado, que informou que as únicas cámaras autorizadas na Galiza están en Santiago e A Coruña e que os únicos expedientes en trámite refírense a dúas instalacións nesta última cidade, e non figura entre eles o das cámaras de Ares.
De igual modo, o MpDC indica que, a pesar de que as cámaras “teñen un efecto disuasorio” para evitar pintadas no edificio, segundo indicaron dende o goberno local, isto non implica que poida obviar a lexislación nesta materia e colocar os dispositivos sen contar previamente cos permisos, posto que é preciso para garantir que se van respectar o dereito ao honor, a intimidade e a propia imaxe dos cidadáns.
Dereitos Civís reitera a súa petición ao Concello de Ares de retirar as cámaras de videovixiancia, xa que non conta cos permisos necesarios e unha finalidade como “evitar pintadas” semella non adecuarse aos principios de proporcionalidade e idoneidade estabelecidos na Lei 4/1997 para permitir o uso duns sistema de control que vulneran os dereitos básicos dos cidadáns, cando, ademais, poderían empregarse outros métodos máis efectivos e menos intrusivos na vida privada das persoas.
0 comentarios:
Publicar un comentario