O dispositivo está instalado nun edificio da coruñesa Praza de Santa Catalina, pero recolle imaxes dos cidadáns que transitan polo exterior do inmoble
O Movemento polos Dereitos Civís denunciará ante a Axencia Española de Datos e existencia dunha cámara de seguridade privada que enfoca cara á rúa. Segundo saía publicado nos medios de comunicación, o dispositivo privado dun edificio da Praza de Santa Catalina gravou a un mozo mentres realizaban pintadas en diferentes partes do soportal do inmoble e noutro negocio contiguo, uns feitos que foron denunciados pola asociación de veciños. Non obstante, os moradores do edificio non tiveron en conta que as cámaras de seguridade privada non poden tomar imaxes dos espazos públicos, xa que neste caso precísase da autorización previa do goberno e dun informe favorábel que garanta o debido respecto aos dereitos fundamentais dos cidadáns, especialmente os referidos á honra, a intimidade e a propia imaxe, e que, claramente están sendo vulnerados neste caso. Así mesmo, se a Administración pública se lle esixe que sinalice axeitadamente os puntos nos que se atopan as cámaras, máis aínda no caso da seguridade privada, xa que o control e seguimento destes dispositivos resulta máis complicado. A asociación que defende os dereitos civís pregúntase cantos mozos namorados, cantas persoas indispostas e cantas situacións inoportunas gravaron estas cámaras e a onde foron parar as imaxes, cuxo control está en mans de empresas privadas que non garanten a confidencialidade dos datos nelas rexistradas nin o uso ao que van ser destinadas.
A respecto da utilidade destas cámaras, Dereitos Civís lembra que a imaxe tomada da rúa non serviu para evitar o acto vandálico nin para identificar aos responsables do mesmo. Non obstante, a asociación veciñal dispón dun importante volume de material gravado do que os seus veciños de edificios colindantes non teñen coñecemento, nin acceso a unhas imaxes de si propios sobre as carecen de control. Por esta razón, o MpDC denunciará este feito ante Protección de Datos coa fin de que a cámara sexa retirada ou ben se limite a gravar o interior do edificio no que está instalado, de xeito que non vulnere os dereitos dos cidadáns que circulan polo exterior do mesmo e que mesmo descoñecen que están sendo gravados.
0 comentarios:
Publicar un comentario