Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís solicita ao Concello da Coruña que elimine a ordenanza do botellón por non achegar solucións axeitadas

Written By Virgulino on 19/2/08 | 13:30

A asociación considera que o texto cae en incongruencias legais e baleira de contido os dereitos fundamentais de reunión e libre circulación

O Movemento polos Dereitos Civís presentou no Concello de A Coruña alegacións ao texto da nova normativa reguladora do “botellón”, que actualmente se atopa a exposición pública. A Asociación considera que o documento non achega nada novo á lexislación sobre a materia ao tempo que cae en incongruencias con respecto á responsabilidade, xa que establece que, de non identificarse aos responsables de molestar ou cometer algunha das infraccións tipificadas, estes respondan solidariamente. Dereitos Civís pregúntase se isto quere dicir que será responsable da acción toda persoa que se atope nese momento na rúa, independentemente de se molestou, participaba nun botellón ou simplemente se atopaba de casualidade na zona.

Dereitos Civís subliña tamén as incongruencias que presenta o texto, xa que a normativa só afecta a aquelas persoas que se reúnen na rúa para beber de once da noite a sete da mañá, sen especificar a que se debe esta decisión arbitraria ou por que non afecta de igual modo a bares e pubs, locais contra os que se presenta unha denuncia cada tres días por cuestións relacionadas co ruído. “Resulta cando menos curioso que se considere menos gravoso, e sancionado con unha pena de 700 euros menos un botellón de menores ás 10.30 da noite que un botellón de menores as 11.30 da noite”, indícase dende o colectivo. A este respecto cabe sinalar que se esta a limitar cada vez máis a liberdade dos cidadáns de xeito que se están a deixar baleiros de contido dereitos fundamentais como reunión ou libre circulación, dereitos fundamentais que contan cun nivel de protección superior e que non poden ser regulados por normas inferiores. Unha situación que se ve agravada porque no texto da ordenanza non aparece recollido “un procedemento sancionador ben fixado e estruturado, sen aclarar cal é a autoridade competente, nin os medios de proba válidos en dereito, nin os recursos que caben contra esta infracción”. Esta situación provoca “unha gran inseguridade xurídica”, xa que deixa á decisión dos axentes da policía determinar se un individuo atenta contra a convivencia no espazo público.

A asociación solicita do Concello que o texto sexa este revisado e correctamente adaptado ás necesidades sociais, aos dereitos fundamentais e liberdades públicas, e corrixido conforme ás presentes alegacións, co obxectivo de que se respecte o descanso dos veciños, pero tamén os dereitos fundamentais de todos os cidadáns á libre circulación, reunión, a liberdade ou a facer uso dos espazos públicos.

0 comentarios:

Publicar un comentario