Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O TSXG acepta unha denuncia contra o Valedor do Pobo por negar o dereito de acceso

Written By Virgulino on 19/2/08 | 13:28

Dereitos Civís acudiu á xustiza logo de que a institución galega rexeitase durante anos remitir documentación sobre un asunto de liberdades cívicas

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de aceptar a denuncia presentada polo Movemento polos Dereitos Civís contra o Valedor do Pobo por negar o dereito fundamental de acceso. A asociación, que en poucos días deberá presentar a correspondente demanda no TSXG, cursou a denuncia en 2006 logo de que a institución encargada de defender e velar polos dereitos de todos os galegos alegara “falla de lexitimidade activa” ao MpDC e se negara a responder ante varias reclamacións presentadas polo colectivo. Esta institución rexeitou durante anos remitir documentación sobre un asunto relativo ás liberdades cívicas (a retirada de carteis pola Consellaría de Educación nos centros de ensino), a pesar de que está obrigada por lei.

Tras varios anos de espera e de que o Xulgado do Contencioso de Santiago se inhibise en favor do Superior, o TSXG acepta agora á tramite o contencioso contra o Valedor do Pobo. Dende Dereitos Civís sinalan que este paso adiante na denuncia servirá para obrigar á institución encargada de defender os dereitos e as liberdades da sociedade galega a exercer ás funcións para as que foi creada e a empregar as prerrogativa legais que lle permite a normativa que a regula, de cara á dar unha resposta eficaz diante das problemáticas trasladadas polos cidadáns. A este respecto cabe lembrar que en non pouca ocasións o Valedor do Pobo rexeitou as queixas e as peticións trasladadas polo MpDC sen sequera iniciar a investigación pertinente, obviando as súas obrigas como institución pública, mentres que a asociación tivo que asumir as responsabilidades de defender as liberdades e dereitos dos galegos ante as actuacións extralimitadas da administración e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. A asociación agarda que o Valedor do Pobo tome nota do aviso e se decida por fin a atender as demandas dos cidadáns e dos colectivos e organismos con plena lexitimidade para transmitirllas e deixe de manifestarse como unha institución inútil para defensa dos dereitos.

0 comentarios:

Publicar un comentario