O Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Santiago condenou ao Concello de Santiago a cumprir coa legalidade e facilitar a un veciño os expedientes que figuran na entidade local sobre dito cidadán. A administración dirixida por Xosé Sánchez Bugallo negara diante da xuíza que instruía o caso a existencia dos arquivos, a pesar de afirmar ao Defensor del Pueblo que dispuña de informacións concretas sobre o individuo. Unha aseveración que sorprendeu a Dereitos Civís e a respecto do que se recolle na sentenza que "estraña que a policía local no seu escrito do 31 de xaneiro de 2007, dirixido ao secretario xeral do pleno do concello de Santiago diga que non lles consta ningún expediente a nome do denunciante, pois isto contradí con evidencia as afirmacións que se conteñen no informe que o Alcalde dirixiu no seu día ás oficinas do Defensor del Pueblo"
Os feitos ocorreron no ano 2004, cando o concello de Santiago remitiu ao Defensor del Pueblo un informe, a raíz dunha denuncia do MpDC, referido á identificación polo seu número de placa dos axentes da Policía Local, no que se recoñece expresamente que existen arquivos en poder da citada Forza de Seguridade sobre un colaborador do Movemento polos Dereitos Civís, feito que constitúe un delicto por parte da administración, pois esta persoa nunca foi condenada por ningún Xulgado, nin sancionada pola Administración.
Ante esta información, o MpDC remitiu diversos escritos, en xuño do 2005 e xuño do 2006, ao concello santiagués e á Policía Local, onde se solicitaba acceso, por parte do cidadán implicado, aos arquivos ou expedientes que obraran no seu poder referidos a esta persoa, tanto persoais como en calidade de membro do Movemento polos Dereitos Civís. Esta petición dos expediente amparábase na lexislación vixente en materia de acceso aos datos de carácter persoal. Non obstante, como é de esperar na forma de actuar do concello santiagués, non se obtivo resposta por parte da administración.
Lexitimidade do demandante
O artigo 15 da Lei de Protección de Datos de Carácter Persoal recoñece este dereito de acceso e establécese que o interesado terá dereito a solicitar e obter gratuitamente información dos seus datos privados sometidos a tratamento, así como a orixe dos datos, e as comunicacións realizadas ou que se prevén facer dos mesmos. En vista da normativa, o MpDC tamén solicitou á Axencia Española de Protección de Datos que investigara esta actuación e que impuxera a sanción pertinente ao concello santiagués. "Non se pode por en dúbida a lexitimidade das solicitudes presentadas polo actor, pois só a través dos expedientes cuxas remisión interesa poderá coñecer a verdadeira fonte de información, e polo tanto, o verdadeiro orixe das afirmacións que se conten no informe do alcalde", indícase na sentenza. A decisión do contencioso permitirá agora a este membro do MpDC coñecer os documentos que manexou o rexedor compostelán para afirmar que a "actuación de este ciudadano obedece a ciertos condicionantes inherentes a su propia personalidad". Unha lección para administración pública de cara a que tome boa nota das súas obrigas e do seu deber de cumprir coa lexislación e non vulnerar o honor e a intimidade dos veciños.
0 comentarios:
Publicar un comentario