Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Abel Caballero deberá responder ante a Fiscalía por prohibir o acceso a un pleno a un grupo de veciños

Written By Virgulino on 29/1/08 | 17:16

A administración de xustiza convocou ao coordenador do MpDC para ratificarse na denuncia presentada contra o rexedor vigués

Abel Caballero terá que responder ante a xustiza por vulnerar os dereitos dos seus veciños. A Fiscalía de Vigo vén de reclamar a comparecencia do coordenador do Movemento polos Dereitos Civís para ratificar a denuncia presentada por esta asociación contra o rexedor olívico, a raíz da negar o acceso á Casa Consistorial a un grupo de cidadáns que pretendían asistir ao pleno no que se abordaba a aprobación do novo PXOM. Á denuncia do MpDC tamén se suma a denuncia presentada por parte de varias asociacións de veciños, que viron como se vulneraba o seu dereito de participación, mentres que un “selecto” grupo de persoas, elixido polo propio alcalde, entraba no edificio por unha porta lateral sen atopar dificultades.

Diante dun caso tan descarado de vulneración dos dereitos, o MpDC presentou unha denuncia na Fiscalía na que demandan que se esixan as responsabilidades derivadas da decisión do Alcalde, así como que se investiguen “as irregularidades acaecidas neste abuso de dereito”. Caballero deberá dar conta ante a lei das súas accións, logo de saltar por riba da mesma lexislación á que debe dar cumprida conta, xa que a Constitución Española establece que “os cidadáns teñen dereito a participar nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes, libremente elixidos por eleccións periódicas por sufraxio universal.”, un principio que a todas luces o rexedor local obviou sen escrúpulos, máis cando se trata dun dereito fundamental que conta cun nível de protección superior. Do mesmo xeito, a Lei Reguladora das Bases do Réxime Local establece que as sesións do Pleno das corporacións locais son públicas, e só poderán ser a porta pechada nos casos nos que se traten cuestión relacionadas coa honra e intimidade das persoas e sempre que sexa aprobada esta medida por maioría absoluta da Corporación, dous requisitos que non se daban no presente caso.

Por todo isto, Abel Caballero podería afrontar penas de inhabilitación no seu cargo, tal e como se recolle no Artigo 542 do Código Penal actual, que prevé este pena para a “autoridade ou funcionario público que a sabendas impida o exercizo de outros dereitos cívicos recoñecidos na Constitución Española e as Leis”. A Fiscalía debería actuar, xa que logo, consecuentemente coa normativa e tomar todas as medidas axeitadas para esixir responsabilidades ao alcalde vigués, castigar o menosprezo polo respecto aos dereitos dos seus administrados e dar exemplo a outros cargos públicos que consideren que a súa posición lles outorga “carta branca” para facer o que lle pete.

0 comentarios:

Publicar un comentario