Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Policia Local de Compostela continúa a limitar a liberdade de expresión

Written By Virgulino on 7/3/07 | 10:29

Un grupo de estudantes das asembleas da USC foron retidos na semana pasada unicamente por colar cartaces nos espazos habilitados
O Concello de Compostela segue sen cambios reais en canto á comunicación social


Segundo nos fixeron saber os propios afectados, un grupo de tres estudantes foi retido na semana pasada pola Policía Local de Compostela cando estaban a colar carteis dunha campaña das asembleas da USC nos espazos habilitados. A Policía Local emprende así unha función de limitación da liberdade de expresión de Compostela que nos confirma que non existen cambios nunha situación que se prolonga ao longo dos anos.

Na operación, os policias requisaron un dos cartaces que portaban os mozos, retivéronos dez minutos e rexistraron todas as súas pertenzas, nunha evidente extralimitación das súas funcións que non ten máis sentido posíbel que obstaculizar a libre comunicación social.

Despois de catro anos a situación é a mesma

Na cidade de Compostela fíxose frecuente que as organizacións sociais tivesen que sufrir multas e sancións pola simples razón de tentar espallar as suas mensaxes por meio da colada de carteis e autocolantes, realización de murais, ou reparto de panfletos; precisamente a presión social levou nos últimos tempos a algunha medida inicialmente positiva por parte das autoridades municipais, como a reforma da Ordenanza de Medio Ambiente e a súa conversión nunha Ordenanza Municipal de Publicidade Estática e Dinámica, aprobada o 12 de febreiro do 2003, despois de diversas protestas e solicitudes dos colectivos e diversas asociacións que se atopaban sen lugares específicos onde colgar os seus cartaces informativos ou programacións.

Sen embargo, a tónica na que vivemos é a mesma: utilización da Policía Local para funcións que non teñen nada que ver coa seguridade e si coa censura, utilización dos operarios do servizo de limpeza do concello para retirar os cartaces informativos que se atopan colocados atendendo á normativa local de publiciade estática, etc...

O Concello de Santiago opta na práctica por minimizar a súa propia normativa na parte que impón obrigas ao propio Concello. Esta nova retención confirma que este é o camiño emprendido en firme polo Concello.

O Movemento polos Dereitos Civís, ante a falta de resposta por parte do Concello de Santiago de Compostela, dirixirase hai tempo ao “Defensor del Pueblo”, para que este intercedera ante a citada administración local de cara a obter unha resposta á nosa pregunta sobre as medidas previstas e adoptadas xa para dar cumprimento íntegro á ordenanza, e á nosa petición de que se aplicara a ordenanza na súa totalidade e non só na súa vertente sancionadora. Polo tanto, o Defensor dirixiuse en reiteradas ocasións ao Concello sen que tampouco el obtivera resposta.

En setembro do 2006, o Concello remitiu un informe, do cal o Defensor nos enviou un extracto, onde recoñece que os valados das obras non están adaptados á Ordenanza Municipal de Publicidade Estática e Dinámica, e que neste momento se estaban a colocar 18 novos soportes, o cal evidenciaba que os existentes ata ese momento non eran suficientes. En canto á apertura de espazos libres (unha trintena de paneis de reducidas dimensións) para a colocación de carteis, se ben se tratou dunha medida positiva, grande parte destes novos paneis foron colocados en zonas periféricas da cidade e lugares pouco transitados, están case que agochados, mentres que os existentes no centro son mínimos ou case nulos, co cal tampouco se está a cumprir a finalidade, que é a comunicación social, para o cal deben estar colocados en lugares onde poidan ser útiles aos cidadáns e cidadás.

Por todos estes motivos, desde o MpDC solicitamos ao concello de Santiago que cumpra cun texto, o relativo á Publicidade Estática, que foi aprobado pola súa Corporación fai catro anos, e que, polo momento, aínda non se viu reflectido en cambios reais na situación da cidade neste aspecto. Entendemos que é imprescindíbel que a Policía Local deixe de manter estas atitudes intimitidatorias contra a cidadanía e contra a liberdade de expresión.

0 comentarios:

Publicar un comentario