Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Estudantes violentos ameazan as rúas...

Written By Virgulino on 7/3/07 | 10:23

Reproducimos o escrito que nos fixeron chegar desde o movimento asemblear de Compostela

Na noite do martes 20 de febreiro, tres compañeir@s das asembleas de físicas, farmacia e traballo social fomos retidos pola policía local, que en vista de que portabamos unha vasoira, deduciu que eramos perigos@s. Si, levabamos unha vasoira, e non tiñamos licenza de armas (vaia imprudencia...). A vasoira era obviamente para colar uns cartaces. Pero deberon pensar que iamos atracar un banco.

Andabamos de camiño ao campus Norte coa intención de colar os últimos cartaces aprobados. Cando vemos que pasa un coche da local e fai unha violenta parada no medio da estrada. Da marcha atrás a grande velocidade (nese momento até me preocupei de mirar se viña un coche detrás, porque a hostia podía ser fina...) nunha grande avenida e montan o paseo dando un volantazo. O resultado: cáelles o tapacubos ante as nosas miradas estupefactas. Eu estaba flipando...

Bon, que baixan e nos preguntan que se imos facer pintadas. Comentámoslles que non, que simplesmente imos colar uns cartaces. "A verlos". Amosámosllelos. Gostan deles e quedan con un. Estiven por dicirlle que se llo asinaba, pero pasei , que non tiñan cara de amigos.

Identificación. Ante a petición (en todo momento educada) dunha razón para a identificación, recibimos un pouco cordial: "porque me da la gana", seguido dun aínda menos cordial: "sólo con verte la cara sé que te tengo que identificar". Dámoslles os DNIs, agás un/ha de nós (que o perdera esa mesma tarde) e tómanlle os dados. Proceden ao rexistro: dúas de nós levabamos mochila. Consideramos que xa é abusivo e soltamos un tímido "Pero tedes dereito...", ao que nos respostan cunha violenta mirada e un clásico de peli de vaqueiros: "a ver: podemos hacerlo por las buenas...". Pasamos de movidas e amosamos as mochilas. Céntranse nuns CDs. Obvian a bomba e o bazoka.

Despois de reternos uns 10 minutos nos que se adicaron a telefonar ao xulgado "por se tiñamos causas pendientes" (por se eramos da ETA), e tocar as pintadas dos arredores por se estaba fresca a pintura (que ben adestrados, estes maderos...) déixannos marchar. Perdónannos a vida. Supoño que non a montaron polo tema de que nos faltaba un DNI porque qué cara se lles quedaría se chegasen á comisaría e lles dixesen aos que alí estivesen: "identificámolos porque levaban unha vasoira...".

Menos mal que a miña liberdade "está salvagardada" por esta xente... Menos mal que están aí, nas rúas para defendernos de... estudantes con vasoiras. Que ben nos protexen... O outro día entereime de que no ano 2006 morreron 1352 traballadoras/es vítimas da mesma precariedade laboral que nos espera cos planos de Boloñas, cos EEESs, coas reformas laborais, cos acordos de negociación colectiva... neste mundo precario. Casi 4 mortos ao día! E estes rexistrando mochilas de perigos@s estudantes rebeldes armad@s con vasoiras! Onde están cando sucede algunha desas mortes evitábeis?

Total: que coartaron a nosa liberdade ambulatoria SEN NENGUNHA XUSTIFICACIÓN (nin tan sequer empezáramos a colar nengún cartaz), incorrendo nun delito: detención ilegal. Pero de denunciármolo, desestimarían a denuncia argüindo que "era un controlo rutinario". Só se trataba de asustarnos un ratiño, ameazándonos con que se colabamos algún cartaz fóra dos espazos destinados para iso (si, os 4 que hai en Compostela) nos ían denunciar. Un problema central na sociedade, a colada de cartaces.


Eu pregúntome: desde cando a policia é un corpo "preventivo"? Seguro que aos de Juventudes Socialistas non os reteñen nen nada cando saen a colar os cartaces para facer campaña para algunha elección desas. Claro, é que unha vez cada catro anos non fai dano. O acontecido non evidencia senón a represión "preventiva" que sofre un/ha moz@ con tan só decidirse a facer algo para protestar contra unha inxustiza. O problema é cando alguén actúa sen agardar por "representantes". Pois, señores maderos, non imos parar.

Liberdade de expresión! Non ao estado policial!
Paremos a mercantilización do ensino!

0 comentarios:

Publicar un comentario