Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento polos Dereitos Civís presenta demanda contra o Valedor do Pobo

Written By Virgulino on 27/2/07 | 11:37


A institución negouse durante anos a remitir a documentación solicitada polo MpDC, ao que está obrigada por lei




O Movemento polos Dereitos Civís vén de apresentar unha demanda contra o Valedor do Pobo, xa que esta institución negouse durante anos a remitir documentación ao MpDC sobre un asunto relativo ás liberdades civícas (a retirada de carteis pola Consellaría de Educación nos centros de ensino). O expediente fora aberto precisamente a raíz dunha queixa desta asociación.



Entendemos que non se trata dunha cuestión menor ou irrelevante, senón que simboliza perfeitamente a falta de resposta por parte das administracións ás solicitudes que a cidadanía e os organismos cívicos lle apresentan. Estase así a incumprir co dereito de petición (recoñecido expresamente na propia Constitución Española) sen que os organismos que deberan sancionar este proceder actúen adecuadamente. Neste caso, é un organismo criado para velar polos dereitos dos cidadáns o que incumpre co dereito de petición.



O MpDC basea a súa denuncia na lexislación existente, en particular na Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas, que no seu artigo 37 recoñece claramente que os cidadáns teñen dereito a acceder aos rexistros e aos documentos que, formando parte dun expediente, obren nos arquivos administrativos, e no 42, afirma que o prazo máximo de resposta non poderá exceder de seis meses. O expediente, e a información sobre os demáis abertos en relación co mesmo asunto, foi solicitado en reiteradas ocasións ao longo destes anos sen receber nengunha comunicación ao respeito.



Ante esta situación, o MpDC apresentou un recurso contencioso-administrativo no Xulgado do Contencioso, que se declarou incompetente e sinalou a cuestión como competencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, decisión perante a cal o Valedor do Pobo presentou recurso. En todo caso, consideramos necesario obrigar a que o Valedor do Pobo realice, como entidade pública, un acto administrativo debido ao que está obrigado por lei, xa que non podemos renunciar a exercer os nosos dereitos a pesar da desidia de determinadas institucións.

0 comentarios:

Publicar un comentario