Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Axencia de Protección de Datos investiga ao Concello de Vigo polo Pleno do PXOM

Written By Virgulino on 26/3/07 | 17:44

A Policia Local fotografara ás persoas concentradas sen autorización e o Concello afirmara que se trataba dun "simulacro sen carrete"

A Axencia Española de Protección de Datos comezou actuacións de investigación sobre o Pleno celebrado no Concello de Vigo o 19 de maio do ano pasado , onde se aprobou o novo Plano Xeral de Ordenación Municipal, e onde a Policía Local realizou fotografías das persoas que permanecían na entrada do Concello, na Praza do Rei. Posteriormente a estas investigacións, podería abrirse un expediente administrativo contra o Concello de Vigo.

Apesar de que os plenos son de carácter público e de que o goberno local coñecía previamente o interese social que o PXOM espertaba, non se habilitou un aforo maior –como acontecera en ocasións recentes- e limitouse a entrada a corenta persoas, identificadas cun número na solapa, co cal moitas persoas permaneceron durante todo o pleno concentradas na porta do Concello. O corpo municipal tomou fotografías das persoas concentradas na porta até que estas protestaron por esa actitude.

Na opinión do MpDC existíu unha conculcación do dereito á propia imaxe e vulnerouse a lexislación en materia de tratamento de datos persoais, entre os que se inclúen as fotografías. Ademáis, no caso de tratar as imaxes tería que contar co consentimento inequívoco dos/as afectados/as. O organismo de defensa dos dereitos civís solicita da Axencia de Protección de Datos que investigue o feito e sancione ao Concello de Vigo de confirmarse a violación da lexislación.

O Concello de Vigo xa recoñeceu, por medio do seu concelleiro-delegado de seguridade, que non pediu autorización previa para estas imaxes, xa que afirma que non se chegaron a tomar fotografías, senón que se realizou un “simulacro” cunha cámara “sen carrete” e con efectos “disuasorios” ante posíbeis conductas penais que nunca chegaron a darse. Como é lóxico, existen motivos sobrados para dubidar sobre a veracidade desta “fotografía preventiva”, pero aínda de ser certa, pode existir unha vulneración xa que os cidadáns si cren que están a ser fotografados sen garantías legais.

0 comentarios:

Publicar un comentario