Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC aplaude a condea a un policía local de Santiago pola agresión a un cidadán

Written By Virgulino on 4/1/07 | 13:09

No día de onte foi condenado un policía local de Santiago, J.A.S, pola agresión a un veciño de Santiago por un incidente acaecido na plaza Roxa durante a celebración do entroido, en febreiro do 2005. O axente, ao intentar aparcar o vehículo en San Pedro de Mezonzo golpeou co coche ao denunciante e a outras persoas que alí se atopaban. Ao acercarse, o agredido, a protestar, recibiu varios golpes do axente.

Por estes feitos, o Xulgado do Penal número un de Santiago condenou ao axente e ao concello de Santiago a aboarlle 1.250 euros, más un mes de multas, a razón de 3 euros diarios.

O Movemento polos Dereitos Civís aplaude a decisión de condenar a un policía pola vulneración e extralimitación da súa actuación, xa que en moitas ocasións as agresións dos axentes nunca saen á luz.

A pesar disto, dende o MpDC consideramos incorrecto que se tipifique como falta de lesións e non como delito xa que se basan no parte de lesións presentado polo denunciante, e non no feito de que se trata dun axente da Policía Local, o cal ten como unhas das principais funcións evitar situacións como a protagonizada por el.

Por este motivo, a nosa asociación preguntaralle ao concelleiro de Seguridade Cidadá en Compostela, Xosé Baqueiro, que pensa facer ao respecto ou se pensa, como noutras ocasións, en manterse ao marxe e permitindo que os axentes da Policía Local de Santiago continúen a cometer actos impropios dun axente que vela polo cumprimento da lei.

Esta actuación policial non é un feito aillado

Como moitas veces recolleron os medios de comunicación, esta actuación da Policía Local de Santiago non é un feito illado. O MpDC rexistrou dende o ano 2002 diversas denuncias por parte de cidadáns composteláns contra varios axentes deste corpo por actuacións desmesuradas, agresións, negación a identificarse, insultos, etc...

A nosa asociación leva traballando nestes anos para que se condene a estes axentes que fan un abuso da súa función encomendada. Así, algún deles xa foi apartado durante algún tempo ou cambiado de función. En resumo, e moi brevemente, estas foron algunhas desas actuacións:


 Novembro do 2006: Un músico de nacionalidade alemana foi obrigado, por dous policías locais, a abandonar o lugar onde estaba tocando, por carecer de permiso, despois de romperlle a súa gaita, e posteriormente foi levado ás aforas de Santiago onde se lle dixo que abandonara a cidade.

 Xullo do 2006: Unha parella homosexual que se interesou pola identificación de tres rapaces que estaban a levar a cabo dous axentes da Policía Local foron agredidos, insultados pola súa condición sexual e un deles detidos. Os axentes tamén se negaron a identificarse.

 Xuño do 2006: Dous axentes da Policía Local detiveron e golpearon sen ningún motivo a un cidadán que se encontraba de forma pacífica no parque da Alameda. Os axentes negáronse a identificarse.

 Novembro do 2003: A Policía Local impide o acceso ao pleno municipal do concello de Santiago a un grupo de mozos, mentras permite a entrada a outra serie de persoas, sen identificar. Os axentes alegan falta de espazo e que se ía interrumpir o transcurso do mesmo, cando según a normativa todo o mundo ten acceso ao mesmo.

 Marzo do 2004: Seis rapaces que tocaban os tambores na rúa son agredidos e brutalmente detidos por parte de varios axentes da Policía Local de Santiago. Xa na comisaría, os axentes trataron vexatoriamente, ameazaron aos detidos, non se lles explicou o motivo da súa detención, e obrigáronos a asinar documentos que non puideron ler. Só se puido identificar a dous destes policías. Un deles foi condeado como autor de faltas de lesións.

 Abril do 2004: Un axente da policía local interrumpe a circulación durante máis de media hora porque algúen tocou o claxon, para levar un coche mal aparcado co servicio de grúa. Ante o atasco que estaba a provocar varios conductores solicítanlle a súa identificación para presentar unha denuncia pero négase. Pola contra, chama reforzos para identificar a tódolos conductores por suposta desobediencia á autoridade. Os policías que chegaron despois tamén se negaron a identificar ao compañeiro e aconsellaron que se fixera a denuncia en base á matrícula da grúa.

 Setembro do 2003: Un axente négase a deixar pasar a un coche para a rúa onde ten o seu garaxe, mentras outros vehículos si que se lles permite o paso. O axente ponse moi agresivo, insultando a este cidadáns, incluso bota man da súa arma. Tamén se nega a dar o seu número de placa para formular a pertinente denuncia.

 Xullo do 2003: Dous axentes circulan en dirección prohibida para identificar a tres rapaces por levar un caldeiro e un cepillo. Os policías, pola súa banda, néganse a dar o seu número de placa.

0 comentarios:

Publicar un comentario