O Defensor del Pueblo, Enrique Múgica, volveu a sancionar ao concello de Vigo pola falla de contestación aos diversos escritos presentados tanto por cidadáns como por asociacións e colectivos. Nesta ocasión, a entidade local olívica non deu resposta, vulnerando o dereito de petición, a unha solicitude do Movemento polos Dereitos Civís.
O pasado 3 de novembro, o MpDC dirixiuse ao concello de Vigo, o que xa fixera en repetidas ocasións dende o mes de febreiro, para solicitar que os catro policías locais, que no seu día agrediran ao cidadán senegalés Mamadou Kane, delicto polo que foran apartados do corpo por un período de tempo, fosen destinados a labores administrativas. Esta iniciativa perseguía que non se repetisen situacións tan violentas e desmesuradas como pola que foran condenados.
Ademais, o MpDC tamén solicitaba, no seu escrito, ao concello de Vigo a posibilidade de impartir uns cursos de reciclaxe destes catro axentes e do resto de policías locais de Vigo de cara a prevención de novas actitudes violentas, que puideran desembocar en situacións como a acontecida co cidadán senegalés.
Segundo o escrito remitido polo Defensor del Pueblo ao MpDC, o Inspector Xefe da Policía Local de Vigo remitiu un informe á esta institución poñendo de manifesto que a contestación ao noso escrito non se realizou ata o momento debido a que o documento presentado “fue traspapelado, habiendo sido localizado en fecha reciente, en una carpeta de expedientes ajena al presente asunto”.
Por este motivo, Enrique Múgica, segundo o escrito remitido á nosa asociación, considerou conveniente lembrar á corporación municipal viguesa, por unha parte, o deber legal que incumbe á Administración de resolver, en tempo e forma, as reclamacións e solicitudes que lle foran formuladas, así como de por de manifesto que a actuación desta Administración, antes citada, debe servir aos intereses dos cidadáns, non debendo repercutir as deficiencias da actuación administrativa sobre os mesmos, lesionando os seus lexítimos dereitos.
Esta actuación, como se pode observar, non é un feito illado do concello de Vigo que, día tras día, como o MpDC pode constatar no seu traballo diario, pon trabas ao traballo de asociacións, como a nosa, que velan polo cumprimento dos dereitos e liberdades da cidadanía.
O Defensor del Pueblo, Enrique Múgica, sanciona de novo ao concello de Vigo
Written By Virgulino on 9/1/07 | 12:57
Etiquetas:
Actuacións Policiais,
Concello de Vigo,
Defensor del Pueblo,
Igualdade ante a Lei
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario