Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC alerta dun intento de censura na rede

Written By Virgulino on 31/1/07 | 11:42

O MpDC alerta da gravidade dunha denuncia apresentada contra un blogue de Ogrobe e outro de Cambados por opinións críticas e humorísticas
A asociación supervisará o proceso e reclama ao xulgado que non admita a trámite a denuncia
Enmárcase nun proceso constante de recurte das liberdades en Internet


As denuncias apresentadas polo Partido Popular contra dous blogues, Cousas de Ogrobe e Cousas de Cambados, supoñen un novo intento de recurtar a liberdade de expresión, agora tamén na rede. Por parte do Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) queremos alertar da gravidade desta iniciativa por parte do Partido Popular no intento de censurar a rede através dos xulgados simplesmente por cuestións de opinión, e consideramos que pode abrir o camiño a moitas outras iniciativas xudiciais. Para o MpDC non é un feito aillado senón que se enmarca nun proceso de recurte das liberdades en Internet, nun momento no cal só se poden pechar por orde xudicial, pero xa se está avanzando nunha dirección máis restritiva e menos garantista para a cidadanía.

Os dous blogues conteñen información sobre a actualidade das respectivas vilas, e se ben incorporan críticas ao Partido Popular, frecuentemente de xeito humorístico é paródico tal e como acontece a diario en centos de páxinas webs, publicacións impresas, programas de radio e televisión, etc... Non debería ser necesario ter que lembrar que estas son completamente lexítimas se nos atemos a unhas mínimas condicións democráticas. Ao parecer, a denuncia relativa ao blogue de Ogrobe pretende mesmo atinxir os comentarios do mesmo feitos por ducias de usuarios anónimos, o que supón un novo absurdo.

É ridículo que o Partido Popular recurra á xustiza por unhas críticas formuladas contra personaxes públicos e que polo tanto poden e deben ser sometidos a crítica e avaliación constantemente pola cidadanía. Nos últimos anos, temos asistido á xudicialización dos conflitos sociais (en casos de folgas de traballadoras/es e de activistas de distintos movimentos sociais) que non axudan á resolución dos mesmos e que si buscan anular a capacidade mobilizadora da sociedade á vez que se logra un retroceso nos dereitos e liberdades; con esta nova denuncia o Partido Popular pretende chegar até a pechar ou sancionar os blogues de carácter persoal en función do seu contido informativo, sen nengunha proba nen indicio sequera de que se cometera delito.

A rede molesta

Desde o MpDC pensamos que esta denuncia representa un novo indicio de que a rede molesta en determinados sectores políticos, e que pon de manifesto a importancia que as novas tecnoloxías, e en especial a blogosfera galega, ten xa na comunicación cidadá a día de hoxe, e tamén o medo con que algúns sectores políticos acollen tanto a influencia crecente desta forma de comunicación como a liberdade que existe polo momento. Desde logo, o Partido Popular pode ter un grande traballo por diante se pretende examinar e propoñer o peche para os milleiros de blogues e páxinas web que existen, na Galiza e no Estado Español, que critican a súa política ou aos seus dirixentes. Precisamente este novo feito prodúcese no momento en que o Estado Español está a lexislar unha Lei de Impulso da Sociedade de Información (LISI) que permitiría pechar os sitios web por parte dos poderes políticos sen sequera contar cun mandato xudicial.

Desde o MpDC entendemos que se está a proceder a recurtar a liberdade de expresión na rede, das que o primeiro paso é a xudicialización das páxinas e dos blogues, o segundo pode ser a LISI para impor aínda unha maior arbitariedade, o dereito das institucións a secuestrar o publicado en páxinas de Internet e a imposición dunha caste de autocensura previa, e o terceiro pode ser facilitar a interceptación de comunicacións, co parapeto de garantir a investigación e persecución de supostos delitos, para eliminar páxinas críticas e tamén as de intercambio de arquivos P2P (as que se usan para descargar música e filmes).

Desde o Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) manifestamos a nosa solidariedade e apoio aos autores dos dous blogues e anunciamos que seguiremos con atención todo o proceso legal, para denunciar unha posible violación da liberdade de expresión. Reclamamos ao xulgado de instrucción competente que non admita a trámite a denuncia.

0 comentarios:

Publicar un comentario