Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento solicita a Tramitación da Lei de Acceso á Información

Written By Virgulino on 30/1/07 | 12:26

O MpDC solicita a Tramitación da proposta de Lei sobre o Acceso á Información das distintas Administracións, apresentada en xuño do 2006 aos diferentes grupos parlamentares.

O Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) ten, entre os seus obxectivos, a implantación, promoción e protección dos dereitos da cidadanía a través do coñecemento das leis que garanten os seus lexítimos dereitos; así, o MpDC realiza unha constante tarefa de denuncia ante as institucións correspondentes as irregularidades percebidas e colabora coa cidadanía na tramitación das queixas recibidas. Precisamente no transcurso desta experiencia ao longo dos anos puidemos comprobar as dificuldades coas que se atopa a cidadanía para acceder á información das diferentes administracións, apesar de que os principios constitucionais e estatutarios establecen a necesidade de que nun Estado democrático de Dereito a Administración pública sexa transparente. É un feito constatado, por poñer un exemplo, que a maioría de queixas recebidas no Valedor do Pobo se refiren á dificuldade para obter información dos distintos órgaos administrativos. Tamén o MpDC tense enfrontado a este problema en innumerábeis ocasións, por exemplo en relación á información relativa á instalación de vídeo-cámaras, ou no relativo aos informes de diversas actuacións policiais. Así o vimos recollendo ano tras ano nos nosos Informes Anuais.

Por estes motivos, o MpDC apresentou un proxecto de lei sobre o Acceso á Información en Poder das Administracións, que foi apresentado xa en xuño do 2006 e explicado aos diferentes grupos parlamentares. De aprobarse o proxecto, o galego sería o primeiro parlamento do Estado Español en aprobar unha lei semellante, o que viría a extender a toda clase de información, o que hoxe xa se recoñece como dereito en determinadas materias, como é o caso da información medioambiental.

Pretendemos con este proxecto, que pensamos que pode e debe ser compartido polo Parlamento de Galicia, promover e protexer o dereito da cidadanía que en determinadas circunstancias poden atoparse discriminados polas administracións ou especialmente desinformados. A defensa das liberdades civís e da democracia, que deberían estar situadas nun primeiro plano na axenda política e social, requiren unha opinión pública consciente e informada; consideramos que, con estes motivos, a cidadanía ten dereito a receber calquer información que requiran das Administracións e que estas teñen a obriga de realizar políticas activas neste sentido.

A idea fundamental é a de tentar garantir que os cidadáns e cidadás galegas poidan acceder, tanto individual como colectivamente a toda clase de información e expedientes en poder da Administración, sempre salvagardando o dereito á intimidade, a averiguación de delictos e as medidas de seguridade.


O texto apresentado polo MpDC recolle unha ampla regulación deste dereito, no que atinxe a toda a toda información escrita, visual, sonora, electrónica ou en calquer outro soporte; esta regulación afectaría as Administracións públicas e tamén as empresas que ofrezan servizos públicos.

0 comentarios:

Publicar un comentario