Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O certame de ensaios sobre os dereitos cidadáns en Galiza premiará ao gañador co importe da súa matrícula universitaria

Written By Virgulino on 16/11/06 | 12:54

O Movemento polos Dereitos Civís organiza este ano un certame de ensaios sobre os dereitos cidadáns en Galiza no que galardoará ao vencedor co importe da súa matrícula universitaria. A vicepresidenta do Parlamento de Galiza, Tareixa Paz, será un dos membros do prestixioso xurado deste concurso.
Ademáis o xurado tamén estará composto por Jose Ángel Brandariz, profesor de Dereito Penal da Universidade da Coruña; Alba Nogueira López, profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Compostela; Inmaculada Valeije Álvarez, profesora de Dereito Penal na Universidade de Vigo; Xosé María Rodríguez, avogado; e Aitor Sebio Molguero, coordinador e avogado do MpDC.

Neste certame poderán participar todas aquelas persoas que estean matriculadas nalgunha das universidades galegas, recibindo como premio o importe da súa matrícula, ou a cantidade equivalente no caso de seren bolseiros.

Os traballos presentados versarán sobre a situación dos dereitos cidadáns en Galiza no 2006, analizando as posibles vulneracións dos mesmos, facendo referencia a temas concretos ou xerais que afecten a dereitos recollidos no Titulo I da Constitución, na carta de dereitos fundamentais da UE, a carta de dereitos do consello de Europa ou calquera outro documento aceptado como garantizador de dereitos fundamentais.

A data límite para a entrega destes traballos será o vindeiro 31 de decembro. O gañador do certame coñecerase un mes máis tarde, o 31 de xaneiro do 2007. Os interesados poden obter máis información na páxina web do MpDC (movemento.org), a través do seu correo electrónico (mpdc@movemento.org) ou ben no teléfono 610858850.

Con esta iniciativa, o MpDC pretende concienciar aos estudantes universitarios sobre como cada día se están a vulnerar máis dereitos cidadáns en Galiza, moitos deles sen que sexamos capaces de darnos conta. Ademáis, este premio pretende facilitar un pouco a situación para moitos universitarios que afrontan con dificultades o pago da súa matrícula.

0 comentarios:

Publicar un comentario