Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Jueces para la Democracia afirma que a reforma do Código penal afecta «gravemente» o sistema de dereitos e garantías.

Written By Virgulino on 18/10/04 | 16:21

(Resumo da nota de prensa de E.P. Máis información na web de JpD)



A asociación Jueces para la Democracia (JpD) asegura nun comunicado que a reforma do Código penal, elaborada na pasada lexislatura por iniciativa do Goberno do PP e que entrou en vigor o pasado día 1, afectou "gravemente" o sistema de dereitos e garantías, polo que avogou por modificar con urxencia e "desde perspectivas demócratas" algúns preceptos para que sexan "garantistas e respectuosos cos dereitos á liberdade e seguridade" amparados na Constitución.



JpD sinala que a reforma vén condicionada polo concepto de delincuencia de marxinalidade, "esquecendo a protección fronte a outras inseguridades". "Non responde a un proxecto global de incremento da eficacia penal fronte ao aumento da delincuencia", indica esta asociación, que critica que se limite o concepto de seguridade ao de "seguridade nas rúas fronte ao roubo". Con isto esquécense outros campos tan necesitados como "a seguridade financeira, a protección dos pequenos aforradores fronte á enxeñería bolsista fraudulenta, ou a seguridade ambiental ou a alimentaria".



Igualmente, rexeita que o novo Código penal se mostre "benigno" con respecto á "outra delincuencia". "Mostra disto é a despenalización subrepticia que se opera do delito fiscal, a fraude de subvencións ou o abuso de información privilexiada no tráfico bolsista", subliña.



Outra das críticas desta asociación céntrase no retorno ás penas curtas privativas de liberdade, á multirreincidencia e á conversión de faltas en delitos pola reiteración. "Isto supón, entre outras cousas, que se opta polos contraproducentes efectos que levan consigo as penas curtas, ao

impedir desenvolver calquera tipo de tratamento penal, conseguindo unicamente etiquetar o penado como delincuente logo do seu paso pola prisión e dificultarlle a súa resocialización laboral e familiar", estima.



Tras rexeitar a supresión do arresto de fin de semana, unha medida que era "útil manter", mostra as súas dúbidas pola volta "ao vello arresto domiciliario, agora denominado ’pena de localización permanente’, sen arbitrárense medidas para o seu desenvolvemento". Así mesmo, recalca que o "endurecemento xeral" das penas para os delitos patrimoniais é

"dificilmente compatible coa seguridade xurídica e a legalidade penal".



Por último, JpD relaciona esta reforma coas da prisión provisional, a efectuada para o cumprimento íntegro e efectivo das penas e as medidas concretas en materia de seguridade cidadá, violencia doméstica e integración social dos estranxeiros. Así, estima que nos encontramos ante "un panorama de auténtico endurecemento penal, e de restrición de

garantías que afecta gravemente os dereitos dos cidadáns, supoñendo un auténtico retroceso".



Por isto, a asociación considera que esta situación lexislativa "debe ser canto antes obxecto de reflexión e debate, para situar o proceso penal e o dereito penal dentro dos seus fins constitucionais", e para que se recupere o "sistema de dereitos e garantías tan gravemente afectado".





0 comentarios:

Publicar un comentario