Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Unha nova agresión policial na cidade de Compostela

Written By Virgulino on 9/4/03 | 11:05

O Movimento polos Direitos Civís é unha iniciativa integrada pola CIG-Mocidade, os CAE e os CAF, que ten por obxectivo chamar a atención sobre sobre as perdas e violacións de direitos de todo tipo, ademais de incitar a denunciar estes feitos para combater a impunidade.



Desde o comezo da iniciativa, os factos veñen de seguido a dar-nos a razón en todos os nosos prantexamentos e denúncias. Temos exemplos ben explícitos na ocupación da cidade de Compostela por 4.000 polícias, nas detencións e nos rexistros. Hoxe as forzas da orde, que deberian velar pola seguridade dos cidadáns, volveron cumprir un papel meramente represivo dos movimentos sociais. Neste caso, a Policía Local de Compostela cargou brutal e inxustificadamente contra unha cincuentena de traballadores da empresa CESPA, que manteñen unha longa folga, e que se atopaban encadeados na porta do Concello.



Esta agresión non é un facto isolado nen cabe valorá-la como un mero incidente: é unha consecuéncia mais dun proceso de fundo, polo cal se tenta criminalizar, dividir e marxinalizar os movimentos sociais, e se usa a brutalidade policial para reprimir aquelas mobilizacións que incomodan o poder. A impunidade crece dia a dia: no dia de hoxe, os traballadores atopaban-se encadeados permitindo a entrada da xente no concello, nun acto simbólico e pacífico que os deixou nunha posición de absoluta indefensión. A pesar de atopar-se paralisados, sen posibilidade de cubrir-se, fuxir ou defender-se, a Policía Local causou vários feridos que foron atendidos no Hospital Clínico, rexistrando-se unha rotura de brazo, politraumatismos, etc...



Máis unha vez, comprobamos que se escolleu a pior saída a un conflito: en troques de usar o diálogo e a razón, recurriu-se á brutalidade, á forza e á violéncia. Alén de denunciar este novo episódio de violéncia contra a sociedade, exiximos que non quede impune, como de costume, nen tampouco aceitamos que non se asuman responsabilidades. Exiximos que o Concello de Compostela aclare o seu papel no conflito, explique a sua responsabilidade na actuación policial e a asuma coa demisión do ou dos responsábeis.

0 comentarios:

Publicar un comentario