Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Carta da CIG-Saúde á Conselleira de Sanidade: Pilar Farjas Abadia sobre os topónimos

Written By Virgulino on 5/8/10 | 14:11

Despois de convocado mediante Resolución do 22 de xullo publicada en DOG o
28 de xullo, concurso de traslados para diversas categorías do Servizo
Galego de Saúde, viñemos constatando diversos erros e problemas nesa
resolución, o que motivou que a Dirección de Recursos Humanos do SERGAS se
vira obrigada a publicar unha corrección de erros que sairá o vindeiro
venres día 6 de agosto (transcorrida unha semana do prazo estipulado para as
solicitudes e cando moita xente xa rexistrou a solicitude), corrección que
aínda contén diversos erros, como reiteradamente temos advertido.

Varios dos problemas que mencionamos son achacables ao aplicativo
informático habilitado para a xeración de solicitudes e ás instrucións de
uso que se publicitaron ao efecto.

Mais comprobamos que este aplicativo non contén só erros e problemas de
diversa índole, senón tamén, e o que é máis grave, unha ilegalidade
manifesta, ao figurar como provincias, sen posibilidade de ser corrixido in
situ e sen posibilidade de xerar a solicitude se non se plasma a provincia,
*Orense e *La Coruña, que, como ben debe saber vostede, son formas ilegais,
pois as formas correctas e únicas recoñecidas legalmente son Ourense e A
Coruña. Non só figura tal deturpación no aplicativo, senón que no manual de
instrucións do mesmo, aparece en varias ocasións nas imaxes que se plasman a
modo de exemplo o topónimo deturpado *La Coruña.

Comprobamos unha vez máis a política lingüística do goberno do que vostede
forma parte, que toma o galego como un "estorbo" e fai o posible por
ocultalo e denostalo. Pois ben, señora Conselleira, lembrámoslle a vostede,
que sendo Conselleira da Xunta de Galiza xa debería sabelo, que o galego é a
lingua propia de Galiza, e os topónimos galegos as únicas formas legalmente
recoñecidas, polo que emprazámola a que, sen máis dilación, proceda a
tramitar a corrección do aplicativo informático que xera as solicitudes de
traslados para que deixe de incorrer en ilegalidade.

Desde CIG-Saúde queremos denunciar a pasividade, torpeza e desidia, por non
dicir mala praxe, desta administración coa nosa lingua e cos nomes de lugar
do noso país. Esiximos un mínimo de respecto e, como ademais é preceptivo na
administración galega, unha política de promoción e defensa da nosa lingua
propia, o galego, que desde ese goberno están a torpedear constantemente.

0 comentarios:

Publicar un comentario