O Movemento polos Dereitos Civís rexeita a hipocrisía que está a amosar a presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, quen por unha parte pretende aparecer como abandeirada das liberdades para logo tentar impedir a colectivos que se amosan críticos con ela que exerzan eses mesmos dereitos.
Lago busca calar a través da xudicialización do exercicio da liberdade de expresión, e recorrendo a unha suposta deshonra, calquera actuación que poña de manifesto a súa intolerancia e menosprezo ao galego, cuxo fin último non é outro que limitar os dereitos lingüísticos de todos os galegos e as galegas e eliminar a presenza da nosa lingua en calquera ámbito.
Á presidenta de Galicia Bilingüe, que aínda non se atreveu a dicir publicamente o número de asociados/as cos que conta o colectivo, só lle serven as leis cando se trata de desprestixiar a labor doutras organizacións e individuos na defensa da lingua, pero non ten empacho en chamar publicamente aos pais e nais a que incumpran a normativa vixente (ben cativa por certo) a respecto dos usos do galego nas escolas.
Nese caso, Lago apela á liberdade individual de cada persoa, mentres que esa mesma liberdade individual non lle vale cando se trata de expresar opinións contrarias e críticas, mais sempre lexítimas, ás reaccionarias posturas mantidas por Galicia Bilingüe.
Dende o Movemento polos Dereitos Civís quérese amosar a solidariedade con Galiza Nova e rexeitar as manobras empregadas por Gloria Lago para tentar criminalizar a quen defende os dereitos dos galegos e as galegas.
O MpDC rexeita a actitude de Gloria Lago e os seus intentos de calar a quen defende os dereitos lingüísticos dos/as galegos/as
Written By Virgulino on 2/7/10 | 12:56
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario