Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC denuncia que a Subdelegación do Goberno de Pontevedra pretenda afogar con multas a sindicalistas

Written By MpDC on 2/6/10 | 11:59

A Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte, Textil e Telecomunicacións (FGAMT) sinala o subdelegado do Goberno, Delfín Fernández, como responsábel da “persecución e intento de criminalización” que está a sufrir a central nacionalista polo seu papel no conflito laboral aberto na conserveira viguesa Alfageme.

O secretario nacional da FGAMT, Xosé Fernández Piñeiro, recibiu tres multas -que xa foron recorridas polo sindicato- en representación do comité de empresa despois das distintas mobilizacións protagonizadas polas traballadoras e traballadores.

O MpDC xa denunciou recentemente que a CIG nos últimos meses recibiu unhas 400 multas desde a Delegación do Goberno. Cando os sindicalistas asisten as concentracións e manifestacións, a policía dedicase a controlar que os sindicalistas non se moven dos espazo que teñen asinado para levar a cabo a súa protesta, é dicir, que un sindicalista se a lonxe un metro do lugar de concentración é obxecto de multa por parte da Delegación do Goberno.

Tanto o Movemento como CIG están convencidos de que isto supón unha actuación deliberada contra o sindicato e unha maneira de exercer presión e así coartar a súa libre actuación sindical. Pola súa banda, o secretario nacional da FGAMT-CIG, Xosé Fernández Piñeiro, acusa de “persecución e intento de criminalización” o subdelegado do Goberno español en Pontevedra, Delfín Fernández .

Piñeiro adiantou tamén que a consecuencia desta denuncia o vindeiro martes 8 de xuño terá que enfrontarse a un xuízo de faltas -acúsaselle de ameazas e coaccións- que se vai celebrar en Vigo.

En canto ás sancións, que poden oscilar entre os 300 e os 30.000 euros, sinalou que se basean en cuestións como non ter solicitado manifestacións dentro do prazo, cambiar o itinerario das marchas sen comunicación ou organizar concentracións. Ao respecto, o MpDC denuncia unha vez máis a desproporción que supoñen estas medidas excesivamente gravosas. O colectivo entende que moitas multas cabe impór a administracións, a institucións que incumpren sangrantemente a legalidade e considera estas sancións económicas como unha medida intimidatoria contra o sindicalismo que fai fronte precisamente a esas imposicións.

Neste senso, Piñeiro lembra que en Compostela se levaron a cabo mobilizacións sen autorizar convocadas por un sindicato español fronte ao Igape “e non houbo nin acusacións nin multas”. Diante disto, o dirixente sindical non dubida en cualificar a figura de Delfín Fernández como “digno herdeiro dos delegados franquistas que durante a ditadura colocaban como comisarios políticos fronte ás protestas dos traballadores”.

O Movemento agarda que estes sucesos non teñan continuidade e que a Xustiza repare o nome e o traballo que polos dereitos das e dos traballadores realizan este e outros moitos e moitas responsábeis sindicais que ven coartadas as súas liberdades á hora de exerceren, por un lado o seu traballo e por outro os seus dereitos.

0 comentarios:

Publicar un comentario