(...)E os grandes sacrificados nese altar da economía capitalista e de mercado son -volven ser- a clase traballadora e os sectores populares da sociedade, sobre os que está a facer caer inexorabelmente os custos dunha crise que eles non provocaron nin de lonxe...
Coma adoita ser norma nestes casos, a socialdemocracia -travestida xa de socioliberalismo e sen posibilidade de volta atrás-, teima en lle facer o xogo suxo á dereita política e económica, póndose á obra de practicar toda política de axustes económicos e sociais. Axustes que non son outra cousa que a implementación nos diferentes estados e países das medidas económicas que ditan organismos tan pouco democráticos como o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial, os diferentes bancos centrais europeos, etc.
No actual momento, son os países máis periféricos da Europa do capital os que con maior virulencia están a vivir os efectos da crise e, xa que logo, das políticas económicas e sociais que se derivan desta, e sempre desde os postulados mais encarnizadamente neoliberais. De feito, desde as entrañas do capital as dúbidas iniciais ante o que viña significar o escenario da crise non tardaron en se despexar, e os chamados á “refundación do capitalismo” ou a unha “paréntese na economía de mercado”axiña deron paso a unha sangría sen precedentes nas arcas públicas. Sangría económica que non se destinou nin á procura dun novo modelo económico e social nin por suposto á mellora das condicións de vida da clase traballadora e dos sectores populares, unha maioría social que silentemente sufragou o festín bancario sen contrapartida ningunha.
Consumada a felonía, terán de ser de novo os pobos os que desarmen de paciencia e organicen desesperanza e carraxe. E o tempo xoga na súa/nosa contra. Fatiguémonos nese esforzo. Que tal comezarmos por unha folga xeral?
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario