Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

As novas cámaras do Polígono do Tambre, grande fonte de información para os delincuentes

Written By MpDC on 11/5/10 | 17:53

Dezanove cámaras de vixilancia serán instaladas en postes situados a quince metros de altura co obxectivo, segundo se podía ler nunha información de El Correo Gallego, de blindar o Polígono do Tambre de Compostela contra asaltos.

O proxecto, para o que o parque empresarial confía en lograr axudas da Consellería de Industria e do Concello de Santiago, ten un custo de douscentos mil euros, e o novo sistema podería estar en funcionamento a finais de ano.

Este sistema funciona a través de conexións inalámbricas que permitirían controlar a totalidade da superficie desde un móbil co que as cámaras poden ser captadas por calquera cun terminal axeitado. Dese xeito estarían dando informacion aos delincuentes ou a calquera que teña “curiosidade” no canto de serviren como controladoras ou disuasorias.

Dereitos Civís vai enviar unha carta de recomendacións ao parque industrial para que desistan de tal instalación sen os preceptivos permisos que por lei son necesarios. Ademais, hai que ter en conta a proporcionalidade no seu uso.

O beneficio que supostamente se acadaría coas cámaras, atallar uns actos de vandalismo que non unha criminalidade difusa e ameazante, dificilmente resultan proporcionais en relación coa violación sistemática dos dereitos fundamentais derivada da instalación de 15 cámaras. Milleiros de persoas serán gravadas cada día polas cámaras, vendo expostos o seu dereito á intimidade, á honra e á propia imaxe.

Ademais, a efectividade das cámaras, a súa adecuación para o fin perseguido polo Polígono está moi en entredito dados os resultados acadados noutras vilas galegas. Así, as cámaras non servirían para evitar a comisión de actos vandálicos, senón unicamente e no mellor dos casos para identificar aos autores, sempre que estes non opten pola sinxela medida de ocultar os seus rostros. Cómpre insistir en que a vídeo-vixilancia é unha medida extrema, a utilizar en casos moi concretos, e non está prevista pola Lei coma substituto da presenza policial. E ademais esta demostrado que a presenza de cámaras pode desprazar as infraccións e delitos a outros lugares.

Cabe que lembrar que as cámaras que quere instalar o parque empresarial, por “vixiaren” a vía pública están sometidas á Lei 4/97 de videovixilancia. Isto implica que o dispositivo debe ser instalado e xestionado por Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e, en ningún
caso por outros funcionarios municipais ou persoal de empresas privadas.

Sexa cal sexa o obxectivo que poden ter os creadores e/ou promotores deste sistema parece importarlles pouco que, malia a poderen dicir que o sistema só se instalará nos terminais móbiles dos gardas de seguridade das empresas pertinentes, calquera con coñecementos informáticos poderá “piratear” o software e facerse coas imaxes captadas polas cámaras de suposta “seguridade”.

Dese xeito, o que se podía pretender coma unha axuda ao combinalas coas roldas a pé dos axentes contratados pola empresa de seguridade que vixía o polígono, pode volverse na súa contra, ademais de engadir case vinte cámaras máis ao espazo de Compostela.

O Movemento polos Dereitos Civís quere lembrar ao respecto que as cámaras de videovixilancia non son nin poden ser substitutos das persoas encargadas da seguridade nas rúas e nos centros de traballo, como parece que quere ser este sistema de control remoto dos dispositivos.

0 comentarios:

Publicar un comentario