Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

As cámaras do CISC de Compostela son ilegais ao tomaren imaxes da rúa sen todos os permisos

Written By MpDC on 10/5/10 | 13:50

A Agencia Española de Protección de Datos vén de comunicar ao Movemento polos Dereitos Civís que o Centro de Investigación de Excelencia da USC (CISC) non ten ningún ficheiro inscrito no Registro General de Protección de Datos.

O Movemento polos Dereitos Civís presentou no seu momento un escrito á Agencia no que solicitaba que se investigasen as cámaras de vídeo vixilancia instaladas nos exteriores do dito centro, sito no Campus Universitario de Santiago de Compostela.

Neste sentido, o que o colectivo comunicou a Protección de Datos é a vontade de coñecer se a dita facultade ten inscrito o ficheiro que contén as imaxes e os sons gravados polas cámaras no Registro General de Protección de Datos, así como se instalou tales artefactos de gravación contando con todos os permisos perceptivos informes esixidos pola lei para instalar cámaras na vía pública.

Non contando o CISC con ese ficheiro inscrito e regulamentado, as imaxes que captan as cámaras de vídeovixilancia poden ser vistas e analizadas por calquera persoa, ao non haber unha empresa de seguridade responsábel das mesmas. Ese feito constitúe unha vulneración dos dereitos fundamentais, xa que ninguén está a exercer un control sobre o uso que se faga desas imaxes. O MpDC lembra -unha vez máis- que os únicos que poden instalar cámaras que graven constantemente a vía pública son os tales corpos policiais.

Ademais, a instalación e funcionamento das cámaras de vídovixiancia debe estar presidida por unhas garantías, condicionamentos e requisitos esixidos expresamente pola normativa vixente en materia de vídeovixilancia como é o previo informe dunha Comisión da cal a presidencia corresponderalle ao Presidente do Tribunal Superior de Xustiza da mesma comunidade, entre outros.

Atendendo á normativa exposta, a captación de imaxes de persoas que transitan pola vía pública, constitúe un tratamento de datos persoais incluído no ámbito de aplicación das mesmas. Polo tanto, segundo a lexislación vixente, a instalación deberá respetar o principio de proporcionalidade, o que supón sempre que sexa posible, adoptar outros medios menos intrusivos á intimidade das persoas, co fin de previr interferencias inxustificadas nos dereitos e liberdades fundamentais.

0 comentarios:

Publicar un comentario