Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A peineta

Written By MpDC on 6/3/10 | 11:30

Por que motivos o cidadáns debemos escoitar respetuosamente as intervencións de tantos ilustrados, coñecedores da verdade absoluta, creadores de opinión e ditadores de titulares? Ao parecer, sempre temos que saber estar, escoitar e interpretar e transmitir calquera disención de forma axeitada e segundo os criterios marcados pólo “politicamente correcto”.

Se non estamos de acordo, temos que manifestalo dunha forma civilizada. Enviando un escrito ao interesado, unha carta ao director, unha denuncia ou calquera outra forma polo estilo e que non produza sobresaltos.

A pesar diso, algunhas veces, a impotencia que produce a inxustificada autoridade coa que os creadores de opinión transmiten as súas ideas, sen ter en conta que son transmitidas a un público que non ten que estar necesariamente de acordo, dan lugar a situacións tensas e non desexadas.

Pode que estas situacións sexan froito da impetuosidade dalgúns membros do público que non son capaces de entender a importancia de manter a compostura nestas situacións e evitar así tensións na convivencia.

Nada de palabras malsonantes, nada de bravexar, nada de molestar. Parece ser que nunha sociedade civilizada soamente os que escasean de argumentos acuden a estas formas para manifestar a súa contrariedade.

Porén, aqueles que deberían ser despositarios de posturas ponderadas e reflexivas acaban acuñando marabillas do respecto aos dereitos dos demais como considerar que exercer o dereito de manifestación é “ladrar o seu rancor polas esquinas” ou facendo peinetas aos estudantes que manifestan o seu desacordo coas súas ideas.

Alguén debería explicar porque a cidadanía debe dar exemplo de civismo e sensatez mentres temos dirixentes que son exemplo de prepotencia e impetuosidade. Hai que aprender a respetar para ser respetado e Aznar nunca o fixo. A súa peineta foi unha caricaturización do que sempre pensou sobre a opinión dos demais.

Renato Núñez/voceiro do MpDC

0 comentarios:

Publicar un comentario