Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC leva un ano agardando pola resolución da AEPD sobre as cámaras do edificio Telefónica da Coruña

Written By MpDC on 16/3/10 | 11:57

Case un ano despois o Movemento polos Dereitos Civís segue a agardar a resolución da Agencia Española de Protección de Datos sobre a irregular instalación de cámaras videovixilancia no edificio de Telefónica na Coruña. Mentres, as traballadoras e traballadores da empresa seguen a ver lesados os seus dereitos á intimidade e á propia imaxe.

Desde o MpDC recordamos que as cámaras atópanse situadas no exterior do devandito edificio e están orientadas á vía pública, ao que hai que engadir que algunhas das que se atopan no vestíbulo controlando o taboleiro sindical. O dito taboleiro foi cambiado de lugar pasando a estar situado nas proximidades das videocámaras para gravar dun modo máis eficaz a cantos se dirixen ao mesmo, tanto a observar como a colocar boletíns informativos, o que viola claramente tanto a intimidade persoal como a liberdade ideolóxica e por suposto a liberdade de afiliación sindical. Estes feitos denotan, ao ver do colectivo, un excesivo control de Telefónica España SAU sobre os seus traballadores..

Ademais, tal e como puido saber o Movemento, tales artefactos de gravación comezaron a funcionar sen que os traballadores nin os representantes sindicais recibisen comunicación da súa posta en funcionamento.

O Movemento polos Dereitos Civís quéixase de que, ante unha evidente irregularidade por parte de Telefónica, na instalación das cámaras de videovixilancia dentro do seu edificio da Coruña, a AEPD aínda non emita ningunha resolución. A pesar de que a asociación lle enviou xa tres escritos á AEPD con datas 24 de abril, 18 de setembro e 30 de decembro do 2009 solicitándo un informe que nomee quen é o responsable do tratamento dos datos e se a empresa encargada de instalar as cámaras se atopa incluída no Rexistro destinado a proceder a instalacións, nese caso,se dispón de licenza do mesmo xeito que pide ao organismo estatal que sancione os feitos segundo a lexislación vixente.

Desde o MpDC entendemos que a Agencia ten que seguir uns procedementos para chegar a ditar unha resolución, pero cremos que un ano é unha demora desproporcionada para realizar as actuacións de inspección pertinentes e avaliar as irregularidades cometidas por Telefónica España SAU e que están a sufrir en primeira persoa as e os traballadores da empresa que ven como os seus dereitos son vulnerados sen que as institucións responsábeis do cumprimento da Lei fagan nada por llelos restablecer.

Asistimos nas últimas datas a un auténtico proliferar destes dispositivos de control, instalados a miúdo sen as garantías imprescindíbeis para os dereitos dos cidadáns. O Movemento polos Dereitos Civís invita de novo a organismos e empresas a adecuarse en
primeiro lugar á lexislación existente, e a reflexionar, ademais, sobre a necesidade real de empregar un medio tan agresivo en lugares non particularmente perigosos. Deberá ser, por outra banda, a propia administración a que tome medidas para garantir que este novo e desmesurado culto á seguridade non acabe lesionando os dereitos dos cidadáns.

O MpDC lembra, ademais, que se ha de respectar de modo rigoroso o principio de proporcionalidade, é dicir, que as cámaras se instalen e se usen cando sexa a medida máis idónea para os fins que se perseguen, ademais de lembrar que non poderán usarse estes medios para fins distintos dos propios de control laboral nos espazos indispensábeis para tal obxectivo tendo en conta, claro está, o dereito á propia imaxe dos traballadores e traballadoras da empresa.

0 comentarios:

Publicar un comentario