Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Cre o Executivo que poñendo as cousas máis difíciles as persoas irregulares marcharán?

Written By MpDC on 17/3/10 | 11:49

Un martes do mes de novembro, cuxo día xa non lembro, estaba esperando en Galicia Acolle sobre as cinco do serán a unha rapaza de orixe ecuatoriana que requiría asesoramento xurídico en relación a orde de desfizamento na que se lle obrigaba a abandonar en quince días o piso no que vivía ela e maila súa familia.
Chegou nerviosa, tocaba de maneira case obsesiva o seu cabelo, non me ollaba directamente aos ollos denotando unha certa desconfianza ao estar na miña presenza. De seguido, collina das súas mans tentándoa tranquilizar e ela botou a chorar dicindo “teño dous fillos que manter, non teño papeis nin traballo, e non quero voltar ao meu país, vanme botar a rúa”...
Estas consultas, desde que estou de voluntaria na área xurídica de Galicia Acolle , repetíronse con certa frecuencia nos últimos meses, e estoume a referir a consultas xurídicas que van máis aló do ámbito do asesoramento para a regularización dos papeis das persoas de orixe estranxeira, e que se sitúan en queixas que están relacionadas coa maior vulnerabilidade que soportan as persoas de orixe estranxeira en relación cos seus dereitos civís, laborais ou sociais; dereitos como o acceso a unha vivenda digna, á asistencia sanitaria, a un traballo, que se ben non gozan da protección dos dereitos fundamentais así recoñecidos pola nosa Constitución, resultan conculcados con maior dramatismo ou, mellor dito, de forma preferente coa poboación de orixe estranxeira que se atopa no noso territorio.
Neste contexto de crise económica feroz que estamos vivindo, parece complicado lembrar que, segundo os datos do informe Randstad para o ano 2008, a poboación estranxeira contribuíu cun 30% ao crecemento do PIB en España, porén os dirixentes ante este dato positivo responderon coa enésima reforma da lei orgánica de estranxeira que se ben se podería aproveitar para adoptar medidas que palíen a situación da poboación estranxeira, especialmente golpeada pola crise e eliminar as limitacións xeográficas e de actividade dos permisos iniciais de traballo, utilizouse para que se acentúanse as consecuencias negativas dunha política económica mal xestionada.
Convén neste intre deternos nas reformas substanciais da reforma para que o lector poida ter unha opinión propia sobre o que supón endurecer a lexislación de estranxería.
A maior parte dos aspectos negativos da reforma céntranse nas persoas estranxeiras en situación administrativa irregular. Chega a cuestionarse ata o seu acceso a dereitos fundamentais como a educación ou a xustiza.
Cre o executivo que poñendo as cousas máis difíciles as persoas irregulares marcharanse de España?
Se é así, está nun enorme erro. A maior parte das persoas inmigrantes que chegan a España sen ser reagrupadas fano de xeito irregular, xa que as canles legais para acceder ao país son practicamente inexistentes. Xa que logo, o ciclo normal das persoas inmigrantes é chegar como turistas ou acceder doutra forma irregular, pasar uns anos na economía somerxida para finalmente conseguir a documentación a través dunha regularización extraordinaria ou ben do arraigo social establecido na lei.
De feito, España non chega a executar máis do 30% das ordes de expulsión que supoñen en total menos do 5% dos inmigrantes irregulares que se estima viven en España. Estes, antes ou despois acaban conseguindo regularizar a súa documentación.
O inmigrante irregular é, xa que logo, un futuro inmigrante documentado e o seu acceso aos servizos e dereitos debe verse como un proceso integrador, non excluínte. Unha lei de amplas miras e pensada no futuro debería entender o acceso aos dereitos fundamentais como o primeiro paso para a convivencia e a normalización. Mentres non sexa así, estaremos lexitimando a exclusión social cunha Lei Orgánica.
Na miña opinión, non era o momento de afrontar unha reforma legal e menos aínda publicamente como consecuencia da situación de crise que vivimos. Esta formulación xera a sensación de que as persoas emigrantes sobran na crise cando o seu papel no crecemento económico foi determinante e seguen sendo cidadáns de feito.
Non é certo, como di a exposición de motivos do proxecto de lei, que cumpra na súa integridade coas sentenzas do Tribunal Constitucional universalizando os dereitos fundamentais para todos os estranxeiros con independencia da súa situación administrativa. É precisamente nos dereitos prestacionais, é dicir, educación e xustiza gratuíta, onde a proposta de lei é máis restritiva, non universalizando estes dereitos fundamentais.
No acceso á educación remítese á lexislación xeral de educación para o recoñecemento do dereito, o que actualmente xera un baleiro legal e supón trasladar a responsabilidade a unha norma que ha de ter outra finalidade ben distinta como é organizar a educación en España e non decidir sobre os dereitos fundamentais dos cidadáns.
Esquece a educación infantil, á que se refire a normativa vixente no sentido da necesidade de prover as prazas para a escolarización da poboación que o solicite. Consideramos fundamental esta etapa educativa no proceso de adaptación á escola e primeira medida para evitar o fracaso escolar dos fillos dos inmigrantes. Máxime cando son con diferenza o colectivo que máis aporta á demografía española, que viu recuperar a súa balanza entre nacementos e defuncións fundamentalmente polo aporte dos inmigrantes na última década.
En canto ao dereito constitucional á xustiza gratuíta, esíxese a dobre petición por parte do estranxeiro para poder acudir aos tribunais en defensa dos seus intereses ante a administración. Esíxeselle reiterar a vontade de recorrer, ata cando poden ser xa expulsados, o que sen ningunha dúbida supoñerá un obstáculo, na práctica insalvable para a maioría dos estranxeiros, dada a inaccesibilidade que para eles teñen os consulados españois no exterior. Neste caso, a dobre petición só pódese entender como a creación dunha traba burocrática que na práctica bloquee o acceso á xustiza gratuíta como recoñeceu fai un ano o Tribunal Constitucional.
Deste xeito, un menor español facilmente pode estar privado da posibilidade de convivir cos seus avós unicamente polas trabas que introduce a nova lexislación.
Restrínxese a reagrupación familiar para os ascendentes de cidadáns estranxeiros e tamén para os dos españois que, neste momento, teñen o mesmo réxime, segundo estableceu o RD 240/2007. Impónselles o requisito de alcanzar os 65 anos, o que supón un descoñecemento da realidade dos países de orixe, onde as expectativas de vida e a súa calidade son inferiores.
Endurécese o réxime sancionador con ampliación das infraccións e agravación da sancións profundando na represión e non na integración.
Dase un perigoso paso para favorecer a delación do estranxeiro irregular por calquera cidadán ao estilo de países que son un mal exemplo neste ámbito, como Italia. Ese perigoso percorrido continúa con esta reforma que criminaliza a quen axude a un estranxeiro cun contrato de traballo irreal, ou empadróalo sen residir realmente nese domicilio ou facéndolle unha carta de invitación si logo non regresa. Tras esa opción o seguinte será, sen dúbida, sancionar a quen non denuncie ao estranxeiro en situación irregular. Se estas condutas deben ser perseguidas, que se faga en igualdade de condicións que cando se realizan contratos non cumpridos ou falsos empadroamentos para acceder a recursos sociais entre cidadáns españois.
Acórdase regular por regulamento o réxime dos centros de internamento de estranxeiros (CIE) en contra do Tribunal Supremo, que no 2003 e 2005 deixou claro que debía ser unha lei orgánica a que regulase a natureza xurídica e os dereitos e obrigacións das persoas alí internadas ao verse afectado o seu dereito á liberdade.
Xa é hora de que os CIES teñan unha regulación legal específica que garanta o mínimo dos dereitos que hoxe en día teñen os presos convencionais para asegurar as garantías legais das persoas estranxeiras, cando tan só cometeron unha infracción administrativa e non penal. Sirva como exemplo que cárceres desautorizados para albergar recluídos por non cumprir cos estándares mínimos, péchanse como centros penitenciarías e ábrense como centros de internamento (véxase o caso de Algeciras). Iso parece ir contra o carácter non penitenciario que declarou a Lei de 1985 e o Tribunal Constitucional en 1987 ademais de contra o mínimo sentido común salvo que se considere ao inmigrante indocumentado menos digno que ao preso nacional.
Todo iso sobre a escusa da Directiva Europea de Retorno, que de ningún modo obriga a iso. Tamén é o primeiro paso para nun futuro establecer os 6 meses que con carácter xeral establece dita directiva, máis coñecida como a “Directiva da Vergoña”.

Para concluír, unicamente incidir en que calquera cambio na lexislación debería estar vinculado a unha mellora para a sociedade. A lexislación que xere un goberno que se autodenomina progresista debería estar orientada a máis medidas sociais, a mellorar a convivencia e, en xeral, a provocar avances sociais nun campo tan determinante para o futuro como a maior diversidade da sociedade española do século XXI. Fronte a iso e con algunhas honrosas excepcións, o conxunto da reforma é de carácter conservador e se aliña con este xiro á política europea de inmigración. Control e represión son vellas receitas que levan dúas décadas sen funcionar para abordar o fenómeno da inmigración.
É hora de arrincar unha política de estado centrada en facer de cada persoa inmigrante que chega a España un membro de pleno dereito desta sociedade, asumindo e recoñecendo que é imposible pensar na España do futuro sen a diversidade que se empeza a fraguar agora.
Pola parte que nos toca, os membros de Galicia Acolle, que non somos moitos pero peleóns, seguiremos contribuíndo para que se melloren as condicións de vida das persoas de orixe estranxeira que chegan a Galicia.
Patricia Rey, responsábel da área xurídica de Galicia Acolle

0 comentarios:

Publicar un comentario