Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC condena novamente a detención desproporcionada dun responsábel sindical

Written By MpDC on 18/3/10 | 12:27

O Movemento polos Dereitos Civís amosa a súa máis grande repulsa ante a detención do sindicalista da Federación de Servizos, Adolfo Naya. Naya foi retido no día de onte -e de xeito ilegal- durante dúas horas na comisaría de policía da Coruña, onde foi fichado por un suposto delito de coaccións que tería acontecido durante a folga de instalacións deportivas celebrada recentemente.

Ao respecto, o MpDC vén de pedir explicacións á Delegación do goberno e á inspección de persoal da policía a través de sendos escritos, ao igual que fixo coas anteriores detencións. Visto o despregue policial e o desenvolvemento dos feitos parece que esteamos sumidos nun Estado policial ou que volveramos atrás no tempo e estas detencións se practicasen nos tempos da ditadura de Franco.

Os feitos sucederon coa mesma dinámica cos da semana pasada. Todo se iniciou cunha chamada da policía ao sindicalista da Federación de Servizos, para solicitarlle que acudira á Xefatura Superior de Policía da Coruña para comparecer. Unha vez alí, os axentes proceden a ler os dereitos ao sindicalista da CIG e se lle comunica que está acusado dun suposto delito de coaccións que tería acontecido no decurso da folga de instalacións deportivas. Posteriormente, Naya foi trasladado á comisaría de Lonzas para ser fichado e agora será o Xulgado de Instrución quen continúe co caso.

De novo e ante estas actuacións desproporcionadas e propias dunha ditadura e non dunha democracia, o MpDC non pode senón reiterar a súa condena máis firme ademais de lembrar que fai escasamente dúas semanas os corpos e forzas de seguridade cargaron sen ningún tipo de motivo e de xeito brutal contra os mesmos traballadores de Instalacións Deportivas, sen esquecer o esperpento que tamén protagonizaron os policías cando entraron a retiar uns “mecos” que colgaban nas fiestras do instituto de Celanova.

O Movemento solicita que as administracións contactadas respondan ante estes feitos e alerta da indefensión á que se atopa sometida a cidadanía por parte dos corpos e forzas de eguridade, que actúan sempre en conivencia coas institucións públicas e contra os intereses da sociedade cando se trata de temas ou cuestións contrarias ao “poder establecido”.

Acoso

O MpDC tamén denuncia que a CIG nos últimos meses recibiu unhas 400 multas desde a Delegación do Goberno. Cando os sindicalistas asisten as concentracións e manifestacións a policía dedicase a controlar que os sindicalistas non se moven dos espazo que teñen asinado para levar a cabo a súa protesta, é dicir, que un sindicalista se a lonxe un metro do lugar de concentración é obxecto de multa por parte da Delegación do Goberno. Tanto o Movemento como CIG están convencidos de que isto supón unha actuación deliberada contra o sindicato e unha maneira de exercer presión e así coartar a súa libre actuación sindical.




As outras detencións

O pasado martes 9 de marzo, a policía detivo ao Secretario comarcal da CIG-Servizos de A Coruña, Salvador Cerqueirode. Ademais a policía tamén procedeu á identificación de dous delegados da CIG que participaban nunha concentración diante da Xefatura, mentres que ao Secretario Nacional da Federación tomáronselle os datos por ser “susceptíbel” de ter cometido algún acto delituoso.

Os feitos iniciáronse onte cunha chamada da policía ao secretario comarcal da CIG-Servizos para solicitarlle que acudira á comisaría durante a tarde do martes, aínda que sen aclarar os motivos de tal citación. Cando esta tarde Salvador Cerqueira comunicou que non acudiría á citación porque tiña unha reunión nunha empresa, “non pasaran nin cinco minutos cando apareceu unha parella de axentes na porta da miña casa para levarme á comisaría”, afirmou o sindicalista.


Non obstante, os axentes non comunicaron ao afectado en ningún momento os motivos da detención, sinalando soamente que esta acción tiñan a ver co conflito nas instalacións deportivas, procedendo á apertura dunha ficha de identificación, así como á súa retención durante máis dunha hora. Neste senso, cabe lembrar que a detención do secretario comarcal da CIG-Servizos producíase horas despois do acordo entre patronal e sindicatos e da suspensión da folga indefinida.

0 comentarios:

Publicar un comentario