Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Non ao decretazo, si ao galego!

Written By MpDC on 14/2/10 | 11:30

O pasado 21 de xaneiro houbo un paro xeral no ensino público non universitario de Galiza. O alumnado e o profesorado protagonizaron unha histórica mobilización reclamando a retirada do decretazo contra a lingua galega que presentou Alberto Núñez Feijóo.

Para quen di que o pobo galego non se mobiliza ou que é abúlico na defensa dos seus sinais de identidade, os datos son ben elocuentes. Segundo datos sindicais, o paro afectou a un 90% nos tramos convocados e, na manifestación convocada en Santiago de Compostela, a cifra de participantes oscilaría entre os 30.000 aventurados pola policía local e os 80.000 estimados por Queremos Galego. En calquera caso, unha das maiores mobilizacións educativas da nosa historia.

Agora, como reza a consigna, a loita continúa. Se o Goberno galego, que non exerce como tal, se nega a escoitar o clamor unánime da sociedade e non retira este decretazo, verémonos obrigados a máis mobilizacións.

É importante que expliquemos socialmente os motivos deste rexeitamento contundente e unánime por parte das comunidades educativas e que, en xeral, non desfalezamos nesta batalla cívica na defensa dos nosos dereitos lingüísticos. É moito o que podemos facer no noso entorno, coa xente que coñecemos, para ir gañando esta batalla.

O PP aposta por queimarnos todo o posíbel neste comezo da lexislatura, con propostas inéditas na súa involución e con reiterados insultos humillantes (“extremistas”, “acomplejados”, “ensimismados”, “coaccionadores”...). Queren que cansemos, que pensemos que eles poden facer o que queiran e que nós non temos dereitos, polo que supón unha perda de tempo reclamalos.

No entanto, a nós tócanos resistir a estes ataques con intelixencia e entusiasmo. Porque o que non fagamos, aquí e agora, pola nosa lingua, ninguén o vai facer por nós.

Carlos Callón/Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

0 comentarios:

Publicar un comentario