Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Forte tensión entre a dirección do CEIP San Xosé Obreiro e o Concelo de Arteixo

Written By MpDC on 4/2/10 | 11:54

O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer que o CEIP San Xosé Obreiro de Arteixo (A Coruña) fai responsábel ao Concello de Arteixo da responsabilidade da irregular instalación das cámaras de vídeovixilancia, que o centro ten instaladas no seu interior.
Previamente o Concello de Arteixo xa enviara unha comunicación facendo responsable das cámaras a dirección do colexio San Xosé Obreiro. Polo tanto é obvia a rivalidade, a tensión e o enfrontamento entre eles.
Desde o MpDC enténdese que o CEIP San Xosé Obreiro, non pode intentar desentenderse do tema, e facer responsábel ao Concello de Arteixo, cando en vía administrativa nada dixo ó respecto, debendo, como Administración que é , responder á solicitude formulada polo Movemento e alegar o que estime oportuno coa responsabilidade da instalación de ditas cámaras de vídeovixilancia.
Tamén cabe sinalar que a ausencia total do procedemento establecido legalmente pola Lei Orgánica 4/97 para a instalación e renovación de ditos artefactos de gravación, é equivalente á inexistencia procedimental, coa tramitación das actuacións por un canle distinto do establecido normativamente. Estamos ante un incumprimento das normas vixentes que rexen en materia de videovixilancia, producíndose por tanto unha vulneración do principio de legalidade por parte do CEIP San Xosé Obreiro, que ademais o tratarse dun lugar público a instalación legal de cámaras queda en mans da autorización da Delegación do Goberno.
O centro, que depende directamente da Consellaría de Eduacación tén instaladas dúas cámaras de vídeo vixilancia fixas, unha no exterior do recinto para controlar a entrada do mesmo e parte da rúa correspondente e outra no interior, orientada cara o patio. Ademais non existe letreiro ningún que avise da presenza dos ditos dispositivos.
Tendo en conta a situación na que se atopan as cámaras de videovixilancia supoñen unha infracción grave da Lei Orgánica de Protección de Datos xa que o tratamento dos datos mencionados requirirá sempre do consentimento inequívoco do afectado ou afectada, dado que a imaxe dunha persoa constitúe un dato de carácter persoal, xa que capta información que a concirne, o lugar e a actividade desenvolvida polo individuo en cuestión.
Os antecedentes
Con data de 14 de maio de 2008, o Movemento polos Dereitos Civís envía escrito á Delegación do Goberno en Galiza a través do cal solicita, entre outras cousas, que se acredite a legalidade das cámaras instaladas nos exteriores do dito centro de ensino, así como que se proceda a retirada das mesmas. Máis tarde, o MpDC foi informado da presentación dun recurso contra a presunta desestimación da solicitude formulada ao CEIP San Xosé Obreiro para proceder á retirada das cámaras de vídeo vixilancia instaladas nos exteriores do dito Colexio en Arteixo.
Xunto coa retirada, o MpDC solicitou no seu momento a nulidade de pleno dereito da presunta desestimación por silencio administrativo da resolución do CEIP San Xosé Obreiro, onde se denega a solicitude do Movemento polos Dereitos Civís en relación coa instalación das cámaras de vídeo vixilancia nos exteriores das súas dependencias, ao omitirse o trámite procedimental imperante no eido da instalación das cámaras na vía pública.

No mes de octubre do ano pasado a Agencia Española de Protección de Datos deulle a razón ao MpDC. A Agencia estima que a Educación incorreu nunha infracción grave xa que o consentimento para o tratamento dos datos persoais é un principio básico do dereito fundamental á protección de dato e tamén requiriulle á Xunta que adopte as medidas necesarias que impidan que nun futuro poida producirse unha nova infracción da normativa.
Proporcionalidade

É necesaria unha proporcionalidade, é dicir, que só se poden empregar vídeo cámaras cando resulte adecuado para unha situación concreta para o mantemento da seguridade cidadá. Ademais, tamén se esixe o principio de intervención mínima, ou o que é o mesmo, que exista ponderación entre a finalidade perseguida e a posible afectación pola utilización da vídeo cámara aos dereitos á honra, propia imaxe e intimidade.

Polo tanto, non cabe dubida de que a instalación de cámaras nun lugar seguro como o dito centro de ensino de Arteixo, ao non existiren datos policiais que amosen indicios de alta delincuencia ou criminalidade nin vandalismo, é unha medida desproporcionada para o fin perseguido que incumpre, polo tanto,cos parámetros fixados pola lei. En caso de ser instaladas coa finalidade de evitar, entendemos que de acordo coa legalidade vixente, a autorización da instalación de ditas cámaras debería levarse a cabo con anterioridade a súa instalación, como sucede neste caso.

O Movemento polo Dereitos Civís considera que as administracións son as primeiras que teñen que dar exemplo aos administrados, para iso se constituíu o colectivo e para iso seguirá traballando.

0 comentarios:

Publicar un comentario