O Movemento polos Dereitos Civís apoia o Foro Galego de Inmigración na súa queixa contra o impedimento que pón o Concello de Vic (Cataluña) ao empadroamento das persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa.
Desde o Movemento lémbrase que as persoas inmigrantes posúen os mesmos dereitos que o resto de cidadáns, e polo tanto sempre que un inmigrante cumpra todos os requisitos que establece a Lei Orgánica a nivel estatal para o empadroamento poderán empadroarse e en ningún caso os concellos poderán esixir que os estranxeiros teñan que cumprir máis requisitos dos establecidos pola lei.
O Movemento aclara que os concellos que poñen trabas ao colectivo inmigrante para poder empadroarse están exercendo un abuso de poder que vulnera, por unha banda o principio de legalidade, dado que non respectan o esixido pola Lei Orgánica neste asunto e, pola outra, en moitos casos vulneran tamén o principio de libre circulación da Unión Europea.
O empadroamento é un tramite básico para que as persoas inmigrantes poidan acceder aos servizos públicos, tanto educativos como sanitarios e tamén é unha condición imprescindible para poder tramitar a maioría da documentación que lle esixe á administración pública en temas de estranxeiría. Sen o padrón, os estranxeiros non poden demostrar a súa estadía no Estado español e tampouco regularizar a súa situación de ilegalidade.
Ao MpDC sorpréndelle a iniciativa racista do Concello de Vic de impedir que os sen papeis poidan empadroarse e teme, ao igual que o Foro Galego de Inmigración, que esta práctica ilegal poida estenderse a outros concellos do Estado español e favorecer así a explotación e exclusión social destas persoas.
Neste sentido, o Movemento polos Dereitos civís rexeita todos os abusos racistas e xenófobos levados a cabo polos concellos en contra dos inmigrantes. Non só en materia administrativa senón tamén a nivel social. Dado que existen moitos exemplos de como as administracións en lugar de axudaren a crear un clima de tolerancia e igualdade cos inmigrantes, dedícanse a crear unha reacción xenófoba entre a cidadanía.
O MpDC repudia a negativa dalgúns concellos a empadroaren inmigrantes
Written By MpDC on 15/1/10 | 13:14
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario