A plataforma Salva o Tren vén de efectuar o pagamento dunha multa imposta ao voceiro da mesma por un valor de 600 euros. O motivo da sanción non é outro que congregar a máis de vinte veciños nunha zona de tránsito (as vías do tren en Portas) e pedir que se parasen as obras de desmantelamento.
Ademais desta que que veñen de pagar, á plataforma impuxéronselle outras tres multas por diferentes protestas organizadas para defender o mantemento das liñas ferroviarias de proximidade e que estas non desaparezan coa alta velocidade. E para máis ver existe unha orde de embargo se o colectivo non efectúa o pagamento destas sancións económicas.
Salva o Tren recorreu as ditas sancións a través dun proceso contencioso administrativo, se ben non se lle concedeu ao colectivo a súa paralización ata que conclúa ese proceso. Neste sentido, o MpDC denuncia, unha vez máis, a desproporción coa que actúan as administracións de Xustiza.
Tamén de novo o Movemento polos Dereitos Civís pregunta se existe unha igualdade real ante a lei, xa que a aplicación de sancións, sexan económicas ou administrativas, difire e moito se quen a recibe é un colectivo, entidade privada, ou unha adminsitración, entidade pública.
Exemplo disto é o acontecido co Concello de Sada, que se veu libre de que lle fose interposta desde a Agencia Española de Protección de Datos unha máis que considerábel sanción económica (entre 60000 e 300000 euros) por ter instaladas cámaras de vídeovixilancia ilegais ao ser unha administración pública. Coñecendo a existencia destes privilexios, temos que asistir a feitos coma o que denuncia Salva o Tren de multas por congregar a persoas na rúa cando o que están a defender é un servizo para a cidadanía.
Por ese motivo, e ante o desproporcionado da sanción e a reiterada actuación arbitraria e desigual da Xustiza, o Movemento polos Dereitos Civís expresa o seu apoio á plataforma, facéndolle saber tanto a ela coma á cidadanía que a impunidade das administracións é unha das maiores batallas do colectivo que, non por longa, vai deixar de combater.
O MpDC estende o seu a apoio a ‘Salva o Tren’
Written By MpDC on 19/12/09 | 8:27
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario