O Movemento vén de coñecer que a Subdelegación do Goberno multou a sete militantes da Asemblea da Mocidade Independentista (AMI) pola súa participación na manifestación en Vigo do pasado 10 de outubro polo día da Galiza Combatente.
A Subdelegación do Goberno múltaos con 1100€ a cada un por secundar unha manifestación non comunicada á policía que cortaba o tráfico e tamén impedía a libre circulación das persoas mentres coreaban consignas contra o goberno central e a policía.
O MpDC critica a dura sanción imposta ao colectivo, que unicamente exerceu o seu dereito a manifestarse e a expresar as súas ideas publicamente. O Movemento denuncia, unha vez máis, a desproporción entre a actitude das administracións con esta e con outras concentracións cando en outras ocasións as multas e as sancións son inexistentes.
Ademais, a asociación lembra que a manifestación celebrada en Vigo en demanda da liberación do Alakrana se convocou dun día para o outro, sen ningún permiso. Por parte da Subdelegación do Goberno e das Forzas de Seguridade non existiu ningún problema en permitir a iniciativa e os participantes da marcha non foron sancionados, como si aconteceu no caso que vimos de relatar.
O MpDC pregúntase se a lei é igual para todos ¿Por que non se aplica por igual? O Goberno sempre exerce o seu control e ataca directamente a algúns sectores da sociedade, que adoitan coincidir cos máis criticos coas propias institucións e o seu xeito de xestionar as súas competencias. No noso país a liberdade de expresión é un dereito e polo tanto a súa defensa e mantemento deben terse en conta por igual e estenderse a toda a cidadanía.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario