Este martes día 22 o Movemento polos Dereitos Civís organiza unha mesa redonda sobre a videovixilancia. Nela, representantes dos tres partidos maioritarios na Galiza falarán sobre este tema no Clube Internacional de Prensa, en Compostela. Será ás 20 horas, con entrada libre e de balde.
A portavoz de Xustiza e Igualdade do Grupo Parlamentario Popular, Paula Prado, a súa homóloga polo Grupo Socialista, Beatriz Sestayo e a portavoz do BNG na comisión de Xustiza do Parlamento, Tareixa Paz, ademais da asesora xurídica do Movemento polos Dereitos Civís, Eva Vales, son as convidadas a esta mesa redonda.
É sabida a longa traxectoria do MpDC no que respecta á vídeovixilancia. Son numerosas as accións legais emprendidas polo colectivo contra diversas administracións e empresas privadas que coartan sen ningún tipo de reparo os dereitos das persoas. Tamén en múltiples ocasións foron e son moitos os recuros presentados pola asociación contra resolucións das administracións de Xustiza contrarias á cidadanía e favorábeis ás institucións.
A videovixilancia é unha grande descoñecida para a sociedade e, contra o que se podería pensar, parece que tamén o é para as institucións públicas e privadas que instalan cámaras en espazos públicos.
Desde o Movemento convídase as responsábeis de Xustiza dos tres grupos políticos maioritarios no país e á sociedade en xeral a que este tema sexa tratado, falado e debatido para que a información a este respecto se mova e circule entre a cidadanía, para que esta coñeza os seus dereitos e saiba como actuar en casos de vulneración dos mesmos.
Ademais, e no marco do Simposium sobre a videovixilancia que o Movemento polos Dereitos Civís celebra esta semana, hoxe luns terá lugar unha conferencia ás 19 horas na Galería Sargadelos a cargo de Eva Vales Fernández e Rocío Blanco, avogadas; e mañá martes, no mesmo emprazamento, que contará tamén coa presenza da asesora xurídica do MpDC, Eva Vales e Begoña Ares, tamén letrada. Nesta xornada, a actividade celebrarase ás 18 horas. Ambas as dúas serán con entrada libre e de balde.
O MpDC convida os tres grupos políticos maioritarios a falar sobre a videovixilancia
Written By MpDC on 21/12/09 | 9:38
Etiquetas:
Administración de Xustiza,
Dereito das Persoas,
Videovixilancia
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario