Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC prosegue co contencioso contra o Concello de Vedra

Written By MpDC on 12/11/09 | 13:23



O Movemento polos Dereitos Civís vén de recibir comunicación Xulgado do Contencioso-Administrativo a respecto de que o recurso contencioso-administrativo posto contra a resolución do Concello de Vedra foi admitido a trámite.

No 2 de setembro de 2009, o Concello de Vedra denegaba á concelleira-portavoz do grupo municipal do BNG, Xosefina Guitián Lema, o acceso á fotocopia do convenio asinado entre a Alcaldía de Vedra e o pintor Modesto Paz Camps.

A resolución presentada polo Concello de Vedra alega non coñecer o interese que pode ter Xosefina Guitián no convenio e por iso lle denegan o acceso á información solicitada. Segundo eles, para ter acceso á documentación do concello é necesario solicitala con algunha xustificación. O MpDC pon de manifesto a “desconfianza” por parte do Sr. Alcalde ante unha concelleira que unicamente pretende estudar a posíbel mellora da actividade cultural do concello e o bo uso de todos os recursos dos que dispón o mesmo.

Non estando conforme coa dita resolución -por entender que non é axustada a dereito e que vulnera a legalidade existente sobre a materia- a asesoría xudicial do MpDC personouse no Xulgado, acreditando o seu compromiso co acontecido á concelleira e, polo tanto, reafirmando a súa continuidade no procedemento.

Convenio con Modesto Paz Camps


O Concello de Vedra ten firmado un convenio co pintor Modesto Paz Camps polo que se cede a administración do edificio, propiedade do concello, a este pintor, e polo que se regulamenta o funcionamento deste museo.

Desde o grupo político do BNG de Vedra cren que o funcionamento deste museo nos anos de vixencia deste convenio non xustifica o mantemento do mesmo nos termos en que está redactado. Ao respecto cren que instalacións destas características nun concello como Vedra poderían e deberían dedicarse a unha actividade cultural máis diversa, a maiores da exposición dun só pintor, tendo en conta o déficit de locais sociais e culturais que hai aínda no concello e, en concreto, na parroquia de San Fins.

0 comentarios:

Publicar un comentario