Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Defensor desconfía do Concello de Santiago e solicita novos informes

Written By MpDC on 19/11/09 | 13:16


O MpDC celebra que o Defensor del Pueblo solicite ao Concello de Santiago a elaboración dun novo informe acerca do cumprimento efectivo da Ordenanza Municipal de Publicidade Estática e Dinámica da que un día se dotou. Se a institución pide tal cousa é porque debe desconfiar do documento remitido polo consistorio compostelán e do que o Defensor vén de dar conta ao Movemento.

No dito informe remitido por Compostela, o Defensor indica que a xuízo do Concello xa se teñen instalado paneis informativos de libre expresión en número suficiente segundo recolle a ordenanza anteriormente referida e que o propio Concello realizou unha comunicación á Federación Gallega de la Construcción no que respecta á obriga de habilitar espazos específicos de libre expresión nos seus paneis de protección de obras.

Para o colectivo é moi significativo que unha institución coma o Defensor informe que “á vista do informe recibido”, se ven na obriga de solicitar outro novo acerca do “cumprimento efectivo” por parte das empresas construtoras da obriga de habiliaren estes espazos de comunicación social. Neste sentido, o Defensor está póndo de manifesto a escasa concreción, a ambigüidade e o desleixo que Compostela tivo, unha vez máis, á hora de pór en práctica a ordenanza municipal referida.

O MpDC esixe de novo que o Concello santiagués cumpra co establecido no artigo 4 da súa propia ordenanza e obrigue ás empresas que realicen obras na cidade a que instalen un espazo nos seus paneis para que os cidadáns poidan colocar calquera elemento de comunicación social que consideren oportuno.

O verán pasado o Concello de Santiago recoñecera ante o Defensor del Pueblo que non abriu nin un só expediente sancionador contra aquelas empresas que vulneran a ordenanza de publicidade estática. O goberno local aprobou no ano 2003 a ordenanza municipal sobre publicidade estática, que contemplaba que nas obras en construción se colocasen mupis a tal efecto.

Número suficiente?

A día de hoxe o Concello asegura ter instalados o suficiente número de paneis de libre expresión segundo recolle a Ordenanza Municipal de Publicidade Estática e Dinámica. Desde o Movemento lánzase a pregunta de se ao Concello lle parece 17 un número suficiente para dar cobertura ás necesidades sociais dunha cidade cunha poboación de 94.339 habitantes, como é o caso de Santiago.

Neste sentido, o Movemento contabilizou que existen 33 paneis para a comunicación social adquiridos polo Concello, se ben, só se coñece a ubicación de 17 deles. Ao colectivo éntralle a dúbida de saber que se está a facer cos restantes.

No seu día o Concello de Santiago enviara un escrito ao Defensor del Pueblo xustificando o incumprimento da ordenanza de publicidade estática, no que sinalaba que o único que ía a facer era enviar o texto á Federación Gallega de la Construcción, que foi o que acaba de anunciar que fixo.

Despois de oír a Bugallo relear tantas veces sobre o mesmo, o MpDC pregúntase para que o Concello no seu momento decidiu dotarse dunha normativa que favorece a comunicación cidadá e obriga a que as empresas de construción habiliten zonas para colocar carteis se logo afirma pouco máis que con un ben chega e que non sabe onde pór máis.

0 comentarios:

Publicar un comentario