Isto é inadmisíbel, claro que si.
Fronte a sociedade serán aquelas persoas que apareceron na tele desa guisa. Aínda que sexan absoltos, probabelmente, quedarán marcados por estas imaxes. Tamén me lembro daqueles militantes do Partido Popular que foron detidos por unha suposta agresión ao antigo ministro de Defensa, José Bono.
Naquela ocasión os axentes que se encargaron da detención foron, incluso, condenados en primeira instancia. É san que as administracións, autoridades e institucións encargadas de velar para que o “exceso de celo” dos corpos e forzas de seguridade non provoquen danos de difícil reparación na honra e na integridade das persoas.
O que non parece tan san é que esta preocupación só teña lugar no caso de detencións de persoas de certo renome. Recentemente en Santiago de Compostela os Corpos de Seguridade esposaron a un octoxenario por un asunto relacionado coa venda de gando. Máis alá da estupefacción dalgún medio de comunicación non houbo unha soa repercusión pola actuación policial.
Tamén nunha manifestación acontecida fai dous anos en Vigo se procedeu á detención de varias persoas a posteriori, tamén sen ningún miramento polas formas, para acusalas de agresión e danos a un axente que nunca apareceu no xuízo. Pero ben, deixo para o final a que máis me gusta. A famosa Operación Castiñeira.
Detívose a máis dunha decena de persoas en Galiza con pofusión de imaxes nos medios, grandes portadas en todos os xornais. Nos medios dicían que estaban relacionados co terrorismo, e como é de rigor nestes casos, foron enviados a Madrid, á Audiencia Nacional. Pero, sorpresa!, tan pronto chegaron alí, no día seguinte, mandáronos de volta porque os asuntos dos que estaban acusados non eran de tal gravidade.
Até remataron con sentenzas absolutorias. Algúns perderon o seu traballo, outros quedaron marcados para a familia e para os veciños. O Defensor del Pueblo non quixo facer averiguacións, o Consello Xeral do Poder Xudicial tampouco, a Delegación do Goberno desentendeuse e o órgano encargado da disciplina dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado non viu ningunha irregularidade.
A estas alturas xa non sei se me parece peor a forma na que deteñen aos anteriores acusados relacionados con organizacións políticas ou que non se preocupen de como se deteñen os demais inocentes.
Renato Núñez, editor do xornal En Movemento
Dime con quen andas e direiche como te deteñen
Written By MpDC on 8/11/09 | 11:31
Etiquetas:
Actuacións Policiais,
Actuacións Xudiciais,
Dereito das Persoas,
Opinión
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario