Protección de Datos inicia unha investigación polas cámaras de El Correo Gallego
Written By MpDC on 29/10/09 | 14:21
A Agencia Española de Protección de Datos comunicou ao Movemento polos Dereitos Civís que vén de iniciar unha investigación logo de recibir o escrito que o colectivo remitiu á institución no que se interesaba polas cámaras de vídeovixilancia instaladas nos exteriores do diario El Correo Gallego e que toman imaxes da rúa.
Ao respecto, a entidade estatal informa ao MpDC que “se están realizando as oportunas investigacións previas de inspección co obxecto de determinar, coa maior precisión posíbel, os feitos que puideran xustificar, no seu caso, a incoacción de procedemento sancionador ou de infracción das Administracións públicas, identificando a persoa ou o órgano que puider resultar responsábel e fixando as circunstancias relevantes que puideren concorrer coa Lei de Protección de Datos”.
A pesar do número de expedientes abertos o MpDC dubida da eficacia e coherencia da Axencia Española de Protección de Datos. Últimamente a AEPD pon grandes dificultades para a presentación de denuncias, incluso esixe que se identifique a empresa que instalou á cámara (normalmente chega con dicir onde están instaladas) así como o CIF de empresa instaladora (non o CIF da empresa onde está instalada a cámara).
Logo do escrito do 31 de xullo presentado polo colectivo por fin se decidiu a AEPD a investigar este caso iniciado polo MpDC a partir da publicación na edición impresa e dixital de El Correo Gallego dunha noticia acompañada de fotografías. As ditas imaxes amosaban unha muller perfectamente identificable mentres danaba presuntamente os vehículos aparcados na rúa.
As mesmas imaxes foran captadas por cámaras instaladas por unha empresa privada na sede do xornal. A función destes dispositivos é garantir a seguridade do edificio, gravando o que sucede á entrada e no seu interior. Non obstante, a muller que aparecía nas fotografías publicadas transitaba afastada da sede do xornal, nunha rúa adxacente.
Arrimarse ao sol que máis quenta
Por outra banda mais atendendo ás mesmas cámaras, o Movemento polos Dereitos Civís non sae do seu asombro ao valorar a contestación que El Correo Gallego fai da resolución dictada pola Delegación do Goberno a respecto das cámaras que o xornal ten instaladas na rúa. Lonxe de recoñecer a realidade, afonda no absurdo para intentar evadir responsabilidades.
No seu momento, o MpDC presentou unha demanda contenciosa administrativa contra a a Delegación do Goberno no caso das cámaras de El Correo Gallego. A Delegación ignorou as denuncias e peticións de informacións enviadas polo colectivo a raíz da publicación de imaxes captadas polas cámaras que o diario ten instaladas na súa sede en Santiago de Compostela.
Aduce a Delegación que se trata de dispositivos de vixilancia privados, e que polo tanto non necesitan a autorización da propia Delegación. Sen embargo, a Lei é moi clara ó respecto, e posto que as imaxes publicadas demostran que se está a gravar na vía pública é aplicábel o disposto na Lei Orgánica 4/1997 segundo a cal só as Forzas de Seguridade poden colocar cámaras no espazo público.
Difusión de imaxes, ética profesional, dereitos fundamentais
Asunto aparte é a difusión pública das imaxes obtidas polas cámaras, sen procurar nin sequera ocultar a identidade da persoa que aparece nas mesmas. Atopámonos nun caso de evidente vulneración dos dereitos fundamentais á intimidade, á propia imaxe e á honra. A asociación sorpréndese tamén pola inexistencia dunha toma de posición por parte do Colexio de Xornalistas de Galicia, perante un caso tan grave de vulneración dos principios éticos e legais que deberían rexer o traballo da profesión.
Axencia Galega de Portección de Datos
Para o Movemento polos Dereitos Civís faise imprescindible a creación dunha Axencia Galega de Protección de Datos que investigue as vulneracións que se producen en Galiza e tome medidas efectivas contras os infractores.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario