Protección de Datos inicia unha investigación polas cámaras da EGAP e do Centro Galego de Novas Tecnoloxías
Written By MpDC on 27/10/09 | 10:12
A Agencia Española de Protección de Datos comunicou ao Movemento polos Dereitos Civís que vén de iniciar unha investigación logo de recibir o escrito que o colectivo remitiu á institución no que se interesaba polas cámaras de vídeovixilancia instaladas na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e no Centro Galego de Novas Tecnoloxías
Ao respecto, a entidade estatal informa ao MpDC que “se están realizando as oportunas investigacións previas de inspección co obxecto de determinar, coa maior precisión posíbel, os feitos que puideran xustificar, no seu caso, a incoacción de procedemento sancionador ou de infracción das Administracións públicas, identificando a persoa ou o órgano que puider resultar responsábel e fixando as circunstancias relevantes que puideren concorrer coa Lei de Protección de Datos”.
Os antecedentes
O Movemento polos Dereitos Civís non cesa na súa batalla pola erradicación das rúas de Compostela de toda vídeo-vixilancia que vulnere os dereitos dos veciños e veciñas. Con esta intención, a asociación presentaou no seu momento dous recursos contencioso-administrativos contra a Delegación do Goberno polas cámaras instaladas respectivamente na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e no Centro Galego de Novas Tecnoloxías (CGNT). O Movemento considera que en ambos os dous casos a administración eludiu as súas responsabilidades perante a instalación de dispositivos que, a pesar de ter sido colocados por empresas privadas, están a gravar a vía pública.
Coma ven sucedendo habitualmente, a Delegación argumenta que ó tratarse de vídeo-vixilancia instalada por particulares para a protección dun inmoble, as cámaras non precisan cumprir con todas as garantías previstas pola Lei 4/1997. A Axencia Española de Protección de Datos manifestou sen embargo en máis dunha ocasión, logo do procedemento iniciado polo colectivo, que no momento en que ditas cámaras están a gravar cun ángulo e alcance considerable a vía pública, é necesario activar todos os procedementos que serven para garantir os dereitos fundamentais dos cidadáns que por alí transitan. Nese sentido incian a investigación da que damos conta.
De feito, a mencionada Lei reserva o emprego de vídeo-vixilancia no espazo público ás Forzas e Corpos de Seguridade, na tutela da seguridade pública e no respecto de certos trámites e garantías. Así, as cámaras deben cumprir uns requisitos de proporcionalidade e idoneidade, contar coa autorización da Delegación do Goberno, co informe favorable da Comisión de Garantías, e os seus responsables deben inscribir os ficheiros coas imaxes no Rexistro Xeral de Protección de Datos. Trátase de procedementos totalmente ignorados á hora de colocar as cámaras pola EGAP e o CGNT, que sosteñen erroneamente que no seu caso non é aplicable a Lei 4/1997.
Un argumento falaz
Significativa é neste sentido a argumentación da EGAP, á que cómpre recoñecer a cortesía de responder ó escrito que no seu momento lle enviara o Movemento. Afirma a EGAP que non é “unha Forza e/ou Corpo de Seguridade do Estado”, feito polo demais bastante obvio. Continúa o escrito sinalando que “a finalidade do tratamento destas imaxes non obedece a motivos de seguridade pública”, e conclúe que carece polo tanto de fundamento xurídico a aplicación da Lei Orgánica 4/1997.
Naturalmente, o razoamento é totalmente equivocado. Que a EGAP non sexa parte das Forzas de Seguridade e que as cámaras non salvagarden a seguridade pública non implica que non sexa aplicable a Lei. Ó contrario, xa que a EGAP non é parte das Forzas de Seguridade e xa que as cámaras non salvagarden a seguridade pública, é ilegal que ditas cámaras graven a vía pública, vulnerando os dereitos de todo cidadán que sexa gravado polas mesmas.
O Movemento seguirá denunciando a todos aqueles organismos públicos e privados que recorran irresponsablemente á vídeo-vixilancia, danando e vulnerando os dereitos fundamentais.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario