Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC critica firmemente a suspensión do dereito á educación e á liberdade relixiosa dunha nena en Lugo

Written By MpDC on 16/10/09 | 17:55

O diario El Progreso informou hoxe que a xefatura territorial de Educación resolveu sobre o caso dunha alumna de relixión musulmá escolarizada nun centro da capital que levaba un mes sen asistir a clase despois de que a dirección do centro lle comunicase que non podía asistir co veo. A alumna negouse a quitar o pano porque “non é unha gorra ou un piercing” senón que ten un sentido relixioso, indica o proxenitor, e desde entón non volveu a clase. Finalmente, Educación decidiu onte “permitir” que a moza asista co dito veo.

O Movemento polos Dereitos Civís expresa o seu maior rexeitamento á actitude de Educación e cre que nunca se lle debería ter impedido a clase á alumna, e menos de forma cautelar. Para o colectivo, o feito supón unha violación dos dereitos fundamentais, sabendo como se sabe que vivimos nun estado aconfesional e laico e se non se escoitan protestas polas cruces que queden nas escolas tampouco se deben formalizar queixas contra esta outra manifestación relixosa.

Con que argumentos se pode “permitir ou non permitir”, se pregunta o MpDC, que unha nena asista á escola polo motivo que foi apartada dela? Acaso se non se lles vai deixar ir á clase a todas e todos aqueles cativos que leven cruces nunha cadea ao pescozo? Tal discriminación non é propia dun estado como o que nos din que temos.

Segundo relatou o pai da pequena, a nena acudiu á presentación do curso co veo posto “e vestimenta normal” e a directora fíxolle saber -a través doutra alumna marroquí que fixo de intérprete, pois a moza aínda non se desenvolve noutra lingua- que tiña que quitar o veo islámico para asistir á clase. A nena, asegura o seu pai, “volveu a casa chorando” porque porta o veo “por gusto, non por obrigación” e non quere quitalo “nin aquí nin en Marrocos”.

Como informa o diario lugués, o pai da cativa sinalou que “non ten outras obxeccións co currículo escolar” que deberá seguir a súa filla en Galiza, pois en Educación despexáronlle as súas dúbidas acerca do ensino relixioso e confirmáronlle que non está obrigada a estudar relixión católica.

Neste sentido, o colectivo polos Dereitos Civís pregúntase como é que ninguén se pronunciou alarmado por tal afirmación, xa que como vai estar unha alumna ou alumno obrigado a estudar tal materia? Desde que se aprobara a LOE as ensinanzas relixiosas son optativas.

0 comentarios:

Publicar un comentario