O Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 da Coruña vén de comunicar ao MpDC a resposta da Universidade de Vigo (UVI) a respecto da demanda presentada polo colectivo contra a resolución da Delegación do Goberno de 20 de xaneiro de 2009. O centro educativo realiza alegacións que atacan os obxectivos do Movemento e cuestionan a súa lexitimidade. Por desgraza, este é o mesmo argumento que unha e outra vez ten que escoitar o colectivo, o único que se preocupa pola seguridade cidadá atendendo aos dereitos das persoas e non a outros.
As alegacións que presentou a UVI forman parte da longa lista de argucias coas que as insitucións intentan deslexitimar os escritos do MpDC. Desta volta as tales argumentacións pasan por apuntar que ao Movemento polos Dereitos Civís non lle corresponde intervir no dito procedemento achacando falta de lexitimación pasiva, ademais de considerar que non existe infracción da lei 4/97 xa que a instalación das videocáramas en cuestión non foi feita polos Corpos e Forzas de Seguridade.
Ao respecto, e botando por terra todas estas acusacións, o MpDC lembra -unha vez máis, que os únicos que poden instalar cámaras que graven constantemente a vía pública son os tales corpos policiais, polo que a afirmación da Universidade é considerada polo colectivo coma unha estafa contra a sociedade xa que un centro formativo debería velar polos intereses do seu alumnado.
Os antecedentes
O Movemento polos Dereitos Civís presentou no seu momento un recurso contra a desestimación da solicitude formulada á Delegación do Goberno en Galiza para proceder a retirada das cámaras de vídeo vixilancia instaladas nos exteriores da Facultade de Ciencias sita no Campus As Lagoas en Marcosende- Vigo.
O colectivo solicitaba ao xulgado no dito documento a nulidade de pleno dereito da resolución da Delegación de Goberno de 20 de xaneiro 2009 onde se permite a instalación de cámaras de vídeo vixilancia nos exteriores da Facultade de Ciencias de Vigo sen contar cos requisitos esixidos pola Lei ao omitirse o trámite procedimental imperante no eido da instalación das cámaras na vía pública, xunto coa condena en costas da administración demandada.
Neste sentido, o Movemento polos Dereitos Civís tivo coñecemento de que nos exteriores da Facultade de Ciencias en Vigo están instaladas cámaras de vídeo vixilancia fixas, o que supón unha vulneración do dereito á imaxe, á honra e a intimidade persoal.
Con data de 7 de xaneiro de 2.009, o Movemento polos Dereitos Civís envíou escrito á Delegación do Goberno onde solicitaba, entre outras cousas, que se acredite a legalidade das cámaras instaladas nos exteriores da Facultade de Ciencias de Vigo, así como que se proceda a retirada das mesmas.
Tanto a Facultade de Ciencias de Vigo como a Delegación do Goberno omitiron o procedemento legalmente establecido pola Lei Orgánica 4/97 para a instalación e renovación de ditos artefactos de gravación. Ademais, ambas as dúas insitucións vulneraron o Regulamento de utilización de vídeo cámaras polas Forzas e Corpos de Seguridade en lugares públicos, en relación co disposto para as autorizacións para as instalacións fixas vulnerando os dereitos fundamentais á honra, a intimidade persoal e a propia imaxe.
Garantías e condicionamentos
Ademais, a instalación e funcionamento das cámaras de vídovixiancia debe estar presidida por unhas garantías, condicionamentos e requisitos esixidos expresamente pola normativa vixente en materia de vídeovixiancia e que tanto o a Facultade de Ciencias de Vigo como a Delegación do Goberno omitiron como é o previo informe dunha Comisión da cal a presidencia corresponderalle ó Presidente do Tribunal Superior de Xustiza da mesma comunidade, entre outros.
Atendendo á normativa exposta, a captación de imaxes de persoas que transitan pola vía pública, constitúe un tratamento de datos persoais incluído no ámbito de aplicación das mesmas. Polo tanto, segundo a lexislación vixente, a instalación deberá respetar o principio de proporcionalidade, o que supón sempre que sexa posible, adoptar outros medios menos intrusivos á intimidade das persoas, co fin de previr interferencias inxustificadas nos dereitos e liberdades fundamentais.
O MpDC critica as alegacións da UVI sobre as cámaras ilegais do campus vigués das Lagoas
Written By MpDC on 20/10/09 | 15:42
Etiquetas:
Administración de Xustiza,
Concello de Vigo,
Delegación do Goberno,
Videovixilancia
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario