Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Unha vez máis, a Delegación do Goberno desenténdese das súas funcións prexudicando a cidadanía

Written By Virgulino on 15/9/09 | 10:25


O MpDC quere chamar a atención sobre o feito de a Delegación do Goberno non admitir o recurso presentado polo colectivo contra a desestimación da solicitude formulada á dita institución para proceder a retirada das cámaras de vídeo vixilancia instaladas nos exteriores da Facultade de Ciencias de Vigo. De novo, as alegacións que presentan son as mesmas, as que deslexitiman a un colectivo sen ánimo de lucro e que ten como principal finalidade atender aos dereitos civís. Eses argumentos baldíos deslexitiman a propia institución desde o momento en que non cumpre co seu cometido de velar pola cidadanía.

Deste xeito, a Delegación achaca ao Movemento falta de lexitimación pasiva escudándose en que as cámaras de vídeo vixilancia non foron instaladas pola propia Delegación. Ao respecto e tendo coñecemento a insitución da existencia destas cámaras ilegais debería actuar iniciando unha investigación para saber se tales dispositivos están instalados ou non correctamente. Ademais, a Delegación alega falta de lexitimación activa, indicando que non sabe os intereses de quen defende o MpDC ao presentar tal escrito. Acerca deste despropósito, o colectivo non pode senón lembrar que está a facer o traballo que debería estar realizando a Delegación denunciando e atendendo as violacións dos dereitos da cidadanía.

O colectivo, no seu momento, solicitou ao xulgado a nulidade de pleno dereito da resolución da Delegación de Goberno de 20 de xaneiro 2009 onde se permitía a instalación de cámaras de vídeo vixilancia nos exteriores da Facultade de Ciencias de Vigo sen contar cos requisitos esixidos pola Lei ao omitirse o trámite procedimental imperante no eido da instalación das cámaras na vía pública, xunto coa condena en costas da administración demandada.

O Movemento polos Dereitos Civís tivo coñecemento de que nos exteriores da Facultade de Ciencias en Vigo están instaladas cámaras de vídeo vixilancia fixas, o que supón unha vulneración do dereito á imaxe, á honra e a intimidade persoal. Con data de 7 de xaneiro de 2009, o MpDC envíou escrito á Delegación do Goberno onde solicitaba, entre outras cousas, que se acredite a legalidade das cámaras instaladas nos exteriores da Facultade de Ciencias de Vigo, así como que se proceda a retirada das mesmas.

O que di a lexislación vixente

Tanto a Facultade de Ciencias de Vigo como a Delegación do Goberno omitiron o procedemento legalmente establecido pola Lei Orgánica 4/97 para a instalación e renovación de ditos artefactos de gravación. Ademais, ambas as dúas insitucións vulneraron o Regulamento de utilización de vídeo cámaras polas Forzas e Corpos de Seguridade en lugares públicos, en relación co disposto para as autorizacións para as instalacións fixas vulnerando os dereitos fundamentais á honra, a intimidade persoal e a propia imaxe.

Ademais, a instalación e funcionamento das cámaras de vídovixiancia debe estar presidida por unhas garantías, condicionamentos e requisitos esixidos expresamente pola normativa vixente en materia de vídeovixiancia e que tanto o a Facultade de Ciencias de Vigo como a Delegación do Goberno omitiron como é o previo informe dunha Comisión da cal a presidencia corresponderalle ó Presidente do Tribunal Superior de Xustiza da mesma comunidade, entre outros.

Atendendo á normativa exposta, a captación de imaxes de persoas que transitan pola vía pública, constitúe un tratamento de datos persoais incluído no ámbito de aplicación das mesmas. Polo tanto, segundo a lexislación vixente, a instalación deberá respetar o principio de proporcionalidade, o que supón sempre que sexa posible, adoptar outros medios menos intrusivos á intimidade das persoas, co fin de previr interferencias inxustificadas nos dereitos e liberdades fundamentais.

0 comentarios:

Publicar un comentario