Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Presentan á Delegación do Goberno un contencioso de protección de dereitos fundamentais

Written By MpDC on 22/9/09 | 18:20



A Comisión de Axuda ao Refuxiado en Euskadi, (CEAR-Euskadi), vai presentar un recurso Contencioso-Administrativo de Protección de Dereitos Fundamentais fronte á actuación da Subdelegación de Goberno en Pontevedra, con motivo da chegada, o pasado 24 de xuño de 2009, ao porto de Vigo - Guixar, do buque "Virana", a bordo do cal se atopaban, ao parecer, dous polisóns menores de idade. Ao respecto, o MpDC tamén pensa dirixirse á Delegación e á oficina de Estranxeiría para pórse ao corrente sobre tal suceso.

O obxecto do recurso é esclarecer se os polisóns eran efectivamente menores de idade, por que non foron postos a disposición da Conselleria de Traballo e Benestar da Xunta de Galiza para asumir a súa tutela, ao tratarse de menores sós e desamparados, o que podería constituír vulneración do art. 15 da Constitución en canto ao risco para a integridade física e moral dos menores.

Neste sentido, o Movemento polos Dereitos Civís, tendo coñecemento do asunto, tamén se pregunta pola actuación das institucións galegas, no caso de ser menores de idade. Neste sentido, a asesoría xurídica do MpDC está a valorar pórse en contacto coa Delegación do Goberno para interesarse neste tema, ademais de dirixirse tamen á oficina de Estranxeiría.

Para CEAR, trátase de coñecer tamén se estas persoas nalgún momento pediron entrar no país, ou solicitar protección internacional por vía de asilo, conforme á Convención de Xenebra de 1951 sobre os refuxiados, en relación coa vixente Lei Reguladora do Dereito de Asilo e da Condición de Refuxiado.

Tampouco consta nin a data de saída do buque cara ao porto da Pallice-La Rochelle (Francia), nin as comunicacións transmitidas por parte das autoridades policiais galegas ás francesas sobre a presenza destes pasaxeiros clandestinos, nin a sorte final que estes raparigos poidan correr.
CEAR-Euskadi, conxuntamente con Amnistía Internacional-Vigo, intentou infructuosamente solicitar esta información, tanto durante a presenza do buque no porto de Vigo-Guixar como posteriormente o pasado mes de xullo mediante unha petición expresa.

A Brigada Provincial de Estranxeiría e Documentación (B.P.E.D.) de Vigo, así como a propia Subdelegación de Goberno en Pontevedra negáronse a facilitar calquera información relativa a este caso, e a enviar a resolución de denegación de entrada e retorno en fronteira eventualmente ditada, polo que o caso permanece a día de hoxe no máis hermético e impenetrable dos silencios, que só este procedemento xudicial poderá esclarecer.

O MpDC tamén se pon en alerta podendo ter actuado tanto a Xunta como a Delegación do Goberno en Galiza contra a protección dos dereitos fundamentais se se demostra que as dúas persoas en cuestión eran, como afirma CEAR, menores de idade. De ser isto certo, o colectivo non pode senón laiarse das accións das institucións galegas que, unha vez máis, omitirían as súas funcións de velar polos intereses da cidadanía.

0 comentarios:

Publicar un comentario