Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Os amigos son os amigos

Written By Virgulino on 19/9/09 | 11:00

Sempre se dixo que quen tiña un amigo tiña un tesouro, e neste caso parece que a realidade supera o dito. Non é segredo ningún a relación afable, calorosa máis ben, entre voz e amo, entre amigos que se deben favores...

Se as axudas da Xunta aos medios de comunicación se medisen polos servizos prestados ao PP, e a Feijoo en particular, por botar algo máis que unha man á súa victoria electoral, teriamos a clave para descifrar a contía recibida por cada medio.

Se a isto sumamos os criterios empresariais, de mútua colaboración para o beneficio recíproco, as amizades resultan rendibles para todo o entramado xornalístico, eólico e político.

Os criterios contemplados no DOG do 2 de decembro de 2008 para conceder axudas aos medios de comunicación, por parte da Xunta, foron tres: criterio de difusión, criterio do emprego regular do galego e, por último, criterio de porcentaxe de informacións encamiñadas á normalización da lingua galega e á difusión da identidade e cultura da Galiza.

Se imos ver as porcións ou desproporcións do pastel das axudas, vemos que quen máis recibe non é precisamente quen mellor cumpre cos criterios esixidos polo propio goberno.

Os dous xornais máis beneficiados, La Voz de Galicia (con 996.195 euros) e o Faro de Vigo (con 397.357 euros), só cumpren o primeiro e único criterio que parece existir para a Xunta. Os seguintes beneficiados no reparto están nas mesmas condicións: El Progreso, El Correo Gallego, El País (que pouco ten de galego), El Ideal Gallego, La Región, Diario de Pontevedra e La Opinión.

Entre as radios, a máis beneficiada é Radio Popular con 43.990 euros, será unha casualidade? Cantos programas emite en galego? .

Onde están os medios 100% en galego? Será que non existen? Hai medios como Vieiros, A Nosa Terra, ... integramente en galego, que non levan nin can nin cadela.

Será porque cumpren máis dun criterio dos reflectidos no DOG?

Sinceramente, paréceme unha auténtica vergoña. E falta por verse o plus que levan polos máis que atractivos convenios dos que ninguén fala.

Beatriz Guiance – Editora de MundoGaliza

0 comentarios:

Publicar un comentario