O efectismo na acción de goberno do PSOE no Estado, non é nada novo. Efectista, e completamente antisocial, foi a devolución dos famosos 400€. Efectista foi a creación e mantemento dos ministerios de igualdade ou de vivenda, que se teñen demostrado completamente inútiles e inoperantes. Como efectista é o denominado Plan E, destinado a aminorar a curto prazo a destrución de emprego.
Xabier Pérez Igrexas. Membro de Galiza Nova.
As políticas contra a crise levadas a cabo polo executivo de ZP, son a todas luces ineficaces e están destinadas unicamente a salvar as contas de resultados do grande capital financeiro, o mesmo que financia as súas campañas electorais. As insuficiencias manifestas en materia social e laboral, teñen sido denunciadas reiteradamente por parte do movemento nacionalista galego, especialmente no eido sindical.
Desta volta o golpe de efecto procurase a través dunha axuda de 420€, para un período máximo de 180 días , destinada a aquelas persoas ás que se lle acabou o subsidio de desemprego a partir do 1 de agosto. Quedan excluídos desta axuda polo tanto, as e os desempregados que xa non percibían o subsidio (na Galiza calcúlase que hai preto de 80.000 familias sen fonte regular de ingresos), nin aqueles aos que se lle rematou antes do 1 de agosto. O curto alcance da medida, sumado á errada orientación dos criterios para o seu beneficio, demóstrana como un novo anuncio baleiro de cara a galería. Para que esta axuda fose verdadeiramente eficaz, o lóxico en todo caso sería que se destinase preferentemente ás e aos desempregados de longa duración, a aqueles que teñen maiores dificultades obxectivas para a súa inserción laboral, e aos que contan con responsabilidades familiares, tal e como está a reclamar o BNG.
Os efectos da crise sistémica, destacadamente nas clases populares, fan urxente e ineludíbel a ampliación e extensión dos sistemas de cobertura social. Inda coa reorientación proposta, a citada medida seguiría a ser insuficiente. De aí que a reivindicación dun salario social ou salario de inserción laboral (histórica proposta da CIG que o BNG lle reclamou ao goberno do Estado no último debate sobre política xeral), fique máis vixente que nunca. Pero para iso é necesario tamén unha reorientación da política fiscal no Estado que afonde na progresividade impositiva, tendo en conta que ao longo deste ano as arcas públicas deixarán de ingresar dous mil millóns de euros, por decisións como a de eliminar o Imposto de Patrimonio que só atinxía ás rendas máis elevadas.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario