Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC recorre a expulsión que do pavillón municipal sufriu o “Club Piragüismo O Grobe”

Written By Virgulino on 17/9/09 | 13:09


O Movemento polos Dereitos Civís vén de interpór un recurso contencioso-administrativo contra a presunta desestimación por silenzo administrativo do recurso de reposición presentado polo Club de Piragüismo O Grobe contra a orde de expulsión do Pavillón de Deportes Náutico do Concello do Grobe emitida polo concelleiro de Deportes, por entender que a mesma non se axusta a Dereito.


Con data de 24 de abril de 2009, o Club Piragüismo de O Grobe presentou recurso de reposición contra a Orde de expulsión do Pavillón de Deportes Náutico do Concello de O Grobe emitida polo Concelleiro de Deportes, José Alfredo Bea García. Trascorrido o prazo legal previsto pola Lei e sen recibir contestación por dita Administración, enténdese a mesma desestimada por silencio administrativo.

O MpDC quere deixar constancia de que o concelleiro en cuestión carece de lexitimidade para dinamitar a expulsión do dito clube de piragüismo das instalacións deportivas municipais, ben servizo público. Neste sentido, o Club dispón dunha autorización para o uso do pavillón case desde a súa inauguración, arredor do ano 1998. Para que o uso que puidese facer a asociación deportiva fose diferente tería que ser o pleno da corporación o que elaborase unhas novas directrices e pautas de utilización desta instalación municipal.

Denuncian que o Concello do Grobe vulnere a legalidade

O Movemento polos Dereitos Civís solicitou, no seu momento, ao Concello do Grobe a nulidade de pleno dereito da resolución municipal que acorda dar de baixa no REDIM o Club de Piragüismo Ogrobe por non ter presentado certa documentación esixida que non está prevista na lexislación imperante na materia. Ademais, o colectivo pide que se se estimen as alegacións interpostas polo presidente do clube de piragüismo, Filipe Besada, en representación do mesmo.

Este recurso de reposición presentado no Concello polo Movemento contra a baixa do Rexistro de Entidades de Interese Municipal (REDIM) acordada o 7 de maio polo Xunta de Goberno Local do Concello do Grove, é un paso previo a acudir a vía contencioso-administrativa segundo afirmou no seu momento o responsábel da asociación deportiva.

Os feitos remóntanse a decembro de 2008, cando a asociación Club Piragüismo Ogrobe presentou por escrito toda a documentación requerida e correspondente ao regulamento orgánico do Concello do Grobe para cumprir o trámite preciso para a renovación anual da inscrición das entidades deportivas no Rexistro de Entidades de Interese Municipal.

Ademais, vemos como quebra o principio de boa fe que debe marcar a actuación administrativa, xa que a esixencia de tal documentación e a traxectoria da asociación, que leva inscrita no Rexistro desde o 1997 e realizando cumpridamente os trámites cada ano sen ningún problema fan sospeitar da finalidade que pode perseguir o Concello, para que non sexa partícipe das subvencións ás que teñen dereito as entidades inscritas no mesmo.

0 comentarios:

Publicar un comentario