Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Moncho Reboiras, a Galiza viva

Written By MpDC on 26/9/09 | 20:17

Máis un ano a Unión do Pobo Galego lembrou o asasinato polo réxime franquista do seu militante e dirixente Xosé Ramón Reboiras Noia. Un acto político que a UPG nunca deixou de celebrar desde os tráxicos acontecementos do 12 de agosto do 75 en Ferrol, mais que desta volta contou, por fin, co recoñecemento legal e formal por parte do Estado Español do seu asasinato. 34 anos despois Moncho Reboiras saíu da clandestinidade tal e como nos lembra a portada do libro editado pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, onde agora xa, aparece a fotografía da faciana real dun dos grandes dirixentes da historia do nacionalismo, non a clandestina da perruca e do bigote que fora popularizada após o asasinato.

38 anos e 360 días separan dous asasinatos cometidos con premeditación, aleivosía e impunidade, os dous en agosto e os dous teñen como vítimas activistas incansábeis para dotaren a Galiza da principal ferramenta para a súa emancipación: a organización política e social. Alexandre Bóveda e Moncho Reboiras foron asasinados pola mesma man do mesmo verdugo atemorizado pola valentía e compromiso patriótico dos dous dirixentes nacionalistas concretado na construción dun movemento nacionalista amplo e actuante na sociedade, chave para conseguir o obxectivo da soberanía nacional.

O traballo de organización dos anos trinta ficara inutilizado polo asasinato ou o exilio dos principais dirixentes, e no interior xa só ficaban elementos nacionalistas isolados e sen capacidade de actuación, cando non a traizón de persoeiros sen interese na actividade política e social disfarzados de “galeguistas”. Contando só como única axuda as proprias forzas e a necesidade de existirmos como nación, compañeiros e compañeiras como Moncho Reboiras organizáronse para introduciren ao nacionalismo en todos os centros de traballo, nas fábricas, nas leiras, nas aulas, en todos eses lugares onde hoxe está e ficará para sempre o nacionalismo galego. Cando se comeza ouvir o canto do galo a anunciar a alborada que daría fin á longa noite de pedra da ditadura, o nacionalismo galego intensificaba os seus esforzos para dar construído unha alternativa política e xa que logo de organización, de proselitismo, de ampliación da forza social dun movemento político esnaquizado na Galiza desde o ano 36, incorporando a bagaxe teórica necesaria para converter o nacionalismo galego nun movemento político orixinal e xenuinamente galego e popular.

A Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, vén de editar o libro Moncho Reboiras: o nacionalismo galego nos anos 70, alumeando a esta sobranceira figura do nacionalismo, semente de vencer que hoxe florece non só no seu partido, a UPG, mais tamén no BNG, na CIG, nos Comités, no sindicalismo agrario e no movemento cultural. A través dos relatos dos e das compañeiras de militancia podemos coñecer de primeira man os anos escuros do españolismo na súa versión franquista, cando se houbo de comezar de novo e todo estaba por facer na Galiza. Mais podemos ver tamén a esperanza da Galiza viva, a forte actividade desenvolvida cun grande esforzo voluntarista e arriscado. Reivindicacións democráticas elementais, información sobre os dereitos existentes, melloras laborais, aulas de galego, de historia de Galiza, por desgraza aínda hoxe tan necesarias, foron impulsadas por estes homes e mulleres.

Era tempo de actuar e de facelo en todas as frontes, en todos os campos para non deixar a ninguén fóra dos novos tempos que ían vir e que virán. Erguer unha auténtica organización nacionalista para a actuación social en todos os campos de batalla, no campo sindical, no cultural, no estudantil, na busca de medios e infraestruturas; tarefas da que hoxe coñecemos os seus froitos organizados, fortes e actuantes, puxo todo o seu esforzo e militante até as últimas consecuencias o compañeiro Xosé Ramón Reboiras Noia.

Achegándose á súa fin o réxime precisa deter a acumulación de forzas do nacionalismo galego para á nova etapa que se ía abrir. Na grande feira da nova xeira do españolismo constitucional non podía haber sitio para o grande referente da oposición na Galiza. Matar Moncho Reboiras, encarcerar, torturar, intimidar posíbeis aderentes á militancia nacionalista, foi o último obxectivo do réxime fascista antes de mudar o seu aspecto. Outros virían saír dos seus agochos a dar leccións de loita democrática acompañados de toda a mediática do poder.

A diferenza do acontecido tras o asasinato de Bóveda o nacionalismo foi capaz de recuperarse do agosto negro do 75, e hoxe no 2009 podemos afirmar con orgullo e esperanza: a loita continúa!

Marcos Maceira Eiras

Licenciado en Historia e membro do Comité de Zona da Unión do Povo Galego en Santiago.

0 comentarios:

Publicar un comentario