Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

As vulneracións de dereitos son habituais cando hai protestas cidadás

Written By MpDC on 27/9/09 | 20:19

Un ano máis ao facer balance en relación co respecto aos dereitos civís temos que continuar a lamentar numerosas vulneracións da cidadanía. Por desgraza os feitos que están acontecendo a día de hoxe, brutais cargas contra os e as estudantes en Barcelona, agoiran que non hai mellores perspectivas no futuro inmediato.

Digo isto porque o ano 2008 volveu ser, en Galiza, un ano convulso e prolífico en canto ao número de mobilizacións de cidadáns, traballadoras e traballadores, de organizacións sociais que saíron á rúa para defenderen os seus dereitos que remataron coa intervención das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, seguindo ordes da Delegación do Goberno, facendo uso dunha, en demasiadas ocasións, contundencia e brutalidade non admisíbeis en democracia.

A percepción e a interiorización dunha boa parte da sociedade de vivirmos nunha democracia perfecta oculta en moitas ocasións, e mesmo fai que esquezamos, que se están vulnerando dereitos democráticos fundamentais mesmo aqueles recollidos no Título de dereitos fundamentais da “sacrosanta” Constitución Española de 1978. Tampouco é alleo a este proceso a extensión interesada por parte do sistema no que vivimos do axioma de que en aras da nosa seguridade e da das nosas familias en ocasións temos que acceder a que se nos recorten dereitos e a que se rebaixe a calidade democrática. Este é un fenómeno que atinxe a boa parte do mundo e que se ten intensificado de forma brutal após o 11-S.

Son numerosos os exemplos de mobilizacións convocadas consonte o establecido na lexislación vixente e que estaban a transcorrer dentro da normalidade e sen afectaren á seguridade, sen constituír unha ameaza á orde pública nin aos dereitos da cidadanía que foron disoltas por axentes dos corpos de seguridade do Estado empregando en moitos casos unha violencia inxustificada.

Tal aconteceu nas protestas laborais dos e das traballadoras da limpeza de Pontevedra no pasado mes de novembro cando unha desproporcionada actuación policial provocou feridas a dúas traballadoras, resultando unha con fortes convulsións e a outra con danos nunha perna. Malia que daquela ambas presentaron denuncias por maltrato e tamén unha demanda colectiva por acoso, intimidación, coacción e persecución contra a policía pola súa intervención contra os participantes durante todos os días que durou a folga.

Malia a contundencia dos feitos daquela, a Delegación do Goberno en Galiza amparou a actuación da Policía Nacional, mesmo chegando a manifestar o Delegado do Goberno que a policía non cargou contra os traballadores, asegurando que “os axentes traballaron con profesionalidade para protexer o edificio e que algunha señora se viu afectada polos empurróns propios das manifestacións”.

Tamén os mariscadores da ría do Burgo que realizaban unha marcha, autorizada pola Delegación do Goberno, por un carril da rúa que da entrada á Coruña, cando ao achegarse ao límite da cidade, a Policía Nacional tentou apartalos a golpes da estrada, saldándose a acción con catro feridos un dos cales tivo que ser ingresado no hospital.

No mes de decembro asistimos á brutal carga por parte de forzas policiais e militares contra as veciñas e veciños de Figueirido que protestaban contra a intención do Ministerio de Defensa de ampliar o perímetro de seguridade do cuartel da Brilat, deixando feridas a dúas persoas.

Paradoxalmente a consecuencia é que o Subdelegado do Goberno en Pontevedra ten anunciado a esixencia de responsabilidades penais, pero sorprendentemente non aos agresores senón a cinco das persoas que foron identificadas no transcorrer da concentración.

Igualmente, unha concentración espontánea de varios mozos en defensa da lingua galega no Obelisco da Coruña, que se orixinou como resposta á manifestación convocada pola Mesa por la Libertad Lingüística en contra do Decreto que regula o ensino en galego, saldouse coa intervención da Policía Nacional da que resultaron feridas tres persoas, unha delas cun hematoma de 15 centímetros nas costas. Segundo a versión policial a actuación tiña por obxecto impedir o enfrontamento entre os dous grupos pero curiosamente os golpes só foron parar ao lombo dos manifestantes que defendían a lingua galega.

Estes exemplos de actuacións das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado evidencian unha preocupante vulneración do dereito das persoas “á vida e á integridade física e moral” e a non “seren sometidas a tortura nin a penas ou tratos inhumanos ou degradantes”, consonte establece o artigo 15 da Constitución de 1978 recollendo á súa vez o prescrito na Declaración Universal dos Dereitos Humanos (artigo 10.2 da C.E.).

Pero non menos grave é a evidencia de que con estas actuacións policías, seguindo ordes gobernativas ou en calquera caso contando co seu amparo, se traslada á cidadanía que a discrepancia, a sátira nas manifestacións ou simplemente a defensa lexítima dos intereses propios, poden ser “penalizados” e reprimidos pola forza. Unha especie de aviso para converternos nunha cidadanía máis conforme e submisa.

Estase pois pondo en cuestión “de facto” ao dereito fundamental consagrado no artigo 21 da C.E., no que se recoñece o dereito de reunións e manifestacións mesmo en lugares de tránsito público que só poderán ser prohibidas “cando existan razóns fundadas de alteración da orde pública, con perigo para persoas ou bens”.

Vemos pois, como estando perfectamente acoutados na norma os casos excepcionais que poderían orixinar a suspensión do exercicio do dereito de manifestación e de reunión na salvagarda da integridade das persoas e dos seus bens, na práctica as actuacións policiais e gobernativas, tanto nos casos antes enumerados como en moitos outros, téñense producido sen existir razóns obxectivas que puidesen fundamentar unha alteración da orde pública das características establecidas no propio texto constitucional.

Poderíamos polo tanto afirmar que unha aplicación tan excesivamente rigorosa da lei, e tamén da forza, como a que se está a realizar por parte das autoridades gobernativas e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado está ameazando o exercicio dos dereitos de reunión e de manifestación.

Neste contexto cobra unha gran relevancia a percepción que a cidadanía ten ao respecto. Segundo os dados da enquisa encargada polo MpDC sobre “Relación entre a cidadanía e as forzas de seguridade” un 37,2% das 2000 persoas entrevistadas considera que “en ocasións os axentes se poñen nerviosos e se lles vai a man” e case un 22% opina que a policía adoita “abusar da forza nas cargas policiais”. En total cas un 60% das persoas enquisadas considera que as cargas policías empregadas para disolver manifestacións ou concentracións non adoitan estar xustificadas nin proporcionadas. Aínda que a porcentaxe aumenta até case o 74% se reparamos só na opinión das persoas entrevistadas menores de 30 anos de idade.

Tamén son aspectos relevantes, que ademais están moi relacionados entre si, a indefensión da cidadanía ante os casos de maltrato policial e a impunidade coa que actúan os integrantes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado á vista das escasas condenas ou sancións por agresións ou abusos da que son obxecto estes.

De tal xeito que segundo perto do 54% das persoas enquisadas existe un trato de favor por parte da xustiza cara os membros dos corpos policiais nos casos nos que estes son parte.

Son moitas as actuacións á vista das cales non sorprende que exista esa percepción social. En moitos casos as denuncias que os particulares presentan contra os membros de Corpos e Forzas de Seguridade do Estado resultan arquivadas polos órganos xudiciais como aconteceu recentemente coa denuncia formulada por un mozo de Meis que foi golpeado, detido sen ser informado dos motivos e que recibiu no seu vehículo un dos disparos intimidatorios da policía. Malia que o Delegado do Goberno pediu desculpas ao afectado polo ocorrido o xuíz non atopou ningún motivo para imputar a ningún dos policías aínda que os feitos son constitutivos de imprudencia grave con resultado de lesións.

Noutros casos, cando se consegue imputar e condenar algún membro dalgún corpo policial o máis probábel é que, aínda que estes non dean mostras de arrepentimento nin pidan perdón ás vítimas, consigan que o goberno lles outorgue o indulto. O propio Tribunal Supremo ven de ratificar, en agosto de 2008, o indulto parcial a catro axentes da policía local de Vigo que foran condenados a entre tres e catro anos de cárcere, a seren expulsados do Corpo de Policía e a inhabilitación por un período de entre oito e dez anos, por deter a un cidadán de nacionalidade senegalesa en Vigo e logo trasladalo a un monte onde o golpearon e insultaron. Desde 2005 logo do indulto do goberno xa foron reincorporados ao seu posto no Concello de Vigo.

Feitos desta natureza non son en absoluto excepcionais, todo o contrario, xa que nas denuncias formuladas contra membros dos corpos policiais por abusos, agresións e malos tratos adoita unirse por un lado a presunción de veracidade do testemuño dos axentes e unha investigación deficiente dos feitos.

Non son tampouco illados os casos nos que os propios axentes presentan denuncias como método preventivos na súa propia defensa fronte a posíbeis denuncias dos e das cidadás por extralimitarse nas súas funcións. Deste modo conseguen a celebración dun xuízo rápido na que eles mesmos son as principais testemuñas e que poden acaban cunha sentenza na que a persoa agredida se ve condenada a indemnizar ao agresor. Esta sentenza será utilizada ademais, no caso de que o cidadán decida denunciar ao axente como unha proba que resta credibilidade á declaración e ás probas da denunciante.

As e os cidadáns temos que esixir de todos os poderes públicos, cada un dentro do ámbito das súas competencias, a posta en marcha de medidas e mecanismos para a vixianza e erradicación deste tipo de actuacións policiais.


Tereixa Paz Franco

Deputada do BNG

0 comentarios:

Publicar un comentario