Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Valedor volve solicitar ao Grobe a documentación que xustifique o seu emprego abusivo das cámaras de vixilancia

Written By Virgulino on 10/6/09 | 13:41


A dita institución agarda desde fai un ano un escrito do Concello do Grobe que xa solicitou polo menos en catro ocasións. Trátase dun informe con datos complementarios sobre a vídeo-vixilancia instalada nas carpas da Festa do Marisco de 2007, na casa da Cultura e no Colexio Rosalía de Castro. O Valedor lembra os deberes legais do Concello, como son que ante a consideración de instalar vídeo cámaras non se proceda sen ter obtido previamente a autorización da Delegación do Goberno.

O documento solicitado debería aclarar as contraditorias declaracións de responsables municipais sobre o emprego da mesma. O responsábel de Seguridade Cidadá do Grobe explicou á Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) que os dispositivos tan só tomaban imaxes do interior dos almacéns da carpa; malia a iso, celebrou en declaracións públicas que as cámaras evitaran o carteirismo durante a festa.

Queda claro nestes dous casos que o Concello de O Grove semella decidido a continuar empregando a vídeo-vixilancia de maneira irregular, no total desprezo dos dereitos e liberdades dos seus veciños. A corporación municipal amosa ,ademais, escaso respecto por todas aquelas institucións e axentes sociais que tratan de fiscalizar este uso abusivo e indiscriminado das cámaras de seguridade.

Polo momento, o único que fan os documentos achegados polo Concello é confirmar que a corporación solicitou o rexistro dos dispositivos á Axencia Española de Protección de Datos meses despois da súa instalación, e só cando o Movemento denunciou o caso. Neste sentido, a asociación ven de solicitar á AEPD que sancione ó Concello por recorrer a esta práctica tan habitual como irregular: colocar as cámaras e iniciar a posteriori os trámites estipulados pola lei para o seu emprego.

O Movemento non cesa no seu empeño para que se cumpra o que é de lei

Para máis ver, o Movemento polos Dereitos Civís dirixiu nestes días un novo escrito ó Concello de O Grove, solicitando os documentos que demostren que as cámaras cumpren cos requisitos establecidos pola Lei Orgánica de Protección de Datos. Polo de agora, o Concello non facilitou a autorización da Delegación do Goberno, nin o informe favorable da Comisión de Garantías, nin moito menos proba algunha que xustifique que o emprego das cámaras se axusta ó principio de proporcionalidade.

A asociación solicita, asimesmo, información sobre os responsábeis da custodia das imaxes e sobre os mecanismos de acceso e rectificación dos arquivos. O Concello terá que facilitar todos estes documentos, sempre que existan realmente, pois foron solicitados tamén como proba no procedemento administrativo aberto nun Xulgado do Contencioso Administrativo da Coruña, a raíz da denuncia do MpDC.

1 comentarios:

Anonymous dijo...

Eu me pregunto pq o valedor non declara hostil a este concello.

Publicar un comentario