Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC denuncia o tratamento sesgado de CNN+ das informacións relativas a Iniciativa Internacionalista

Written By Virgulino on 8/6/09 | 12:49


O Movemento polos Dereitos Civís expresa a súa queixa ante os reiterados atrancos sofridos na xornada electoral de onte pola coalición de esquerdas Iniciativa Internacionalista (II). Desaparición de papeletas en numerosas mesas electorais, non presenza delas nalgunhas e o tratamento desprezativo que do dito bloco fixo a cadea de televisión CNN+ son algúns deles.

Un xornalista da CNN+ elaborou unha noticia, asinada, coma todas as que emite a dita cadea, acerca do desenvolvemento da xornada electoral. O redactor apareceu cunhas papeletas na man que correspondían á candidatura de Iniciativa Internacionalista. O Movemento denuncia que un informativo se use para condicionar o voto á cidadanía. O colectivo afirma tal cousa ao ser este vídeo emitido cando aínda estaban abertos os colexios electorais e por remarcar nel o periplo polos tribunais que tivo que pasar a lista na que concorría Méndez Ferrín estatais por ser vinculada gratuitamente e sen proba algunha coa ETA.

Ademais, o xornalista remarcou que xunto con papeletas de partidos minoritarios estaban as de II facendo ver á audiencia, ao electorado, que esas papeletas, perfectamente identificábeis nas imaxes, foran obxecto de intervención por unha institución pública o que, aos ollos da cidadanía podería ser considerado negativo. O Movemento pregúntase como pode permitirse que un medio de comunicación recorra á credibilidade que se lle supón como tal e empregue un espazo informativo para facer política dun xeito tan descarado e desprezativo para a coalición citada.

Ademais, e segundo se pode extraer dun comunicado elaborado pola propia Iniciativa Internacionalista, ante a solicitude que enviaron á Xunta electoral central para que tomase medidas a respecto do vídeo en cuestión, a sospeitosa lentitude do organismo esgotando os prazos para que a petición da coalición fose tida en conta súmase á queixa que realiza o Movemento. Tanto a coalición coma Dereitos Civís concordan en que se unha situación similar fose exposta, por exemplo polo Partido Popular ou o PSOE, esta estaría mais que resolta nun prazo que permitise concorrer o bloco ás eleccións nas mesmas condicións có resto dos partidos.

Así as cousas, partido político e colectivo consideran que que a Xunta Electoral non está desenvolvendo con plenitude unha das súas obrigas, a de velar pola igualdade de oportunidades electorais de todas as candidaturas ante unha consulta electoral, tal como a Constitución e a Lei Electoral vixente recollen.

0 comentarios:

Publicar un comentario